Un total de 167 concellos adheríronse ao convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e proposto pola Xunta para axudar aos pequenos e medianos concellos na tramitación das sancións relacionadas con incumprimentos das medidas relacionadas coa covid-19 que son competencia municipal. Desde que se formalizou o acordo a finais de novembro a Xunta xa recibiu 668 expedientes de denuncias, dos que a maioría corresponden ao incumprimento da obriga de usar máscara, e que o Goberno galego xa está a revisar.
A través deste acordo, a Xunta ofrece aos concellos medianos e pequenos adheridos de forma voluntaria a asistencia técnica e material necesaria para a tramitación dos procedementos sancionadores cando tal incumprimento sexa en ámbitos competencia dos municipios como o incumprimento de horarios, os aforamentos máximos ou os controis de aglomeracións de persoas.
O prazo para adherirse a esta iniciativa remataba inicialmente o 15 de decembro, pero a Xunta decidiu amplialo ata o pasado mércores, 30 de decembro, trala petición de moitos concellos, que comunicaron que precisaban dun prazo maior para poder aprobar no Pleno esta decisión. Pese a que non é un trámite esixido pola Xunta para acollerse ao convenio, o Goberno galego aceptou ampliar o prazo para dar resposta á demanda dos concellos que entendían que debía realizarse esta aprobación.
Esta iniciativa da Xunta inscríbese no obxectivo de contribuír a axilizar os procedementos e paliar a carga administrativa de moitos municipios. Deste xeito, a Xunta axuda aos concellos con menos recursos a tramitar os expedientes sancionadores no marco da necesaria colaboración fluída entre administracións, sobre todo no actual escenario marcado pola pandemia do coronavirus. Trabállase así tamén para garantir que tódalas sancións cheguen aos que incumpren as restricións fixadas polas autoridades sanitarias para conter o avance do coronavirus.
En definitiva, tal e como explica a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, “trátase de colaborar entre administracións públicas nun momento que é fundamental axudarnos entre todos ante a crise sanitaria que estamos atravesando e no que, desde logo, é imprescindible que toda a cidadanía sigamos sendo responsables”.
TRAMITACIÓN
Os concellos que se adhiren ao presente convenio comprométense a iniciar, instruír e resolver os procedementos sancionadores debendo remitir a Xunta a información precisa para que esta poda executar a encomenda de xestión.
Segundo recolle o convenio, a Xunta encárgase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores derivados da covid-19. O Goberno galego dispón de unidades tramitadoras base, supervisoras e de coordinación que se encargan da elaboración material dos trámites en auxilio técnico dos instrutores dos procedementos designados polos concellos, que se encargan da formalización dos actos de carácter xurídico.
Tanto as unidades tramitadoras como os concellos contan cunha guía de tramitación, que xa foi enviada a tódolos municipios adheridos, na que se recollen todas as actuacións necesarias para que as unidades tramitadoras poidan completar os expedientes electrónicos de cada procedemento, antes de remitilos aos concellos para o seu arquivo.
Entre os trámites, o persoal da Xunta poderá encargarse de redactar os acordos de incoación; de realizar as notificacións destes acordos, coas que se achegarán as cartas de pagamento; ou de elaborar propostas de resolución nos casos nos que non se procedese ao pagamento ou cando haxa alegacións. Todo este apoio realizarase sempre baixo a supervisión do concello -nomeadamente, do instrutor-, que se deberá encargar da súa formalización, como a sinatura dos acordos de incoación ou das propostas de resolución. En definitiva, as unidades tramitadoras da Xunta encargaranse da redacción de documentos e os concellos da súa revisión e sinatura.