sábado. 20.04.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta seguirá apostando polo fermosismo galego, cun Plan Hurbe que ten mobilizado desde a súa posta en marcha, hai máis dunha década, 150 millóns de euros en 320 actuacións.

Nesta liña, e durante unha visita á nova biblioteca pública municipal de Salvaterra de Miño, rehabilitada con cargo a este programa, Feijóo recordou que neste 2022 o plan continuará cunha dotación de 7 millóns de euros “para mellorar, humanizar e coidar”.

Sobre este punto, referiuse á nova biblioteca municipal de Salvaterra de Miño, antiga Casa do Concello, como exemplo deste compromiso ao que se suman outras iniciativas levadas a cabo pola Administración autonómica no municipio, entre as que destacan: a creación da área recreativa de Teáns, a recuperación de espazos degradados, axudas para renovar contedores de residuos ou o estudo de especies invasoras no Miño.

“E seguiremos traballando para mellorar a contorna de Salvaterra e a calidade de vida dos seus veciños”, engadiu, referíndose aos traballos da Xunta na conservación da illa Fillaboa, como socia no Proxecto Interrexional Miño Navegable, no que o Concello está ao fronte; e á humanización da Fortaleza, cuxas obras, que prevén un orzamento de 500.000 euros, comezarán unha vez que teñan todos os permisos.

Salvaterra rehabilita a antiga Casa do Concello con fondos do Plan Hurbe