jueves. 28.03.2024

O vindeiro 21 de decembro o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas (PXOM) entrará en vigor. Ese día terán transcorridos os 15 días hábiles computados dende a súa publicación onte no Boletín Oficial da Provincia. Ao mesmo tempo, o PXOM de Ponteareas foi inscrito xa no Rexistro de Planeamento Urbanístico da Xunta de Galicia.

Para o goberno municipal do BNG e do PSOE, o 21 de decembro será unha data histórica para Ponteareas, “porque porá fin a case 20 anos de incerteza, inseguridade xurídica e parálise urbanística da localidade e de freo e impedimentos ás iniciativas empresariais e de emprendedores. A entrada en vigor do PXOM abrirá unha nova etapa de impulso e reactivación da economía local así como de oportunidades para a creación de emprego e de novos equipamentos e servizos públicos para a veciñanza de Ponteareas”.

A alcaldesa Cristina Fernández Davila sinalou que o goberno local traballa xa na implementación de todas as medidas e oportunidades que o PXOM ofrece. “A partires do día 21 de decembro poderemos por fin abordar e lograr a regularización e posta en valor do parque empresarial da Lomba para a implantación de novas industrias e actividades económicas e para a creación de emprego ou a cesión de terreos para o patrimonio municipal onde construír equipamentos e instalacións como por exemplo a nova escola infantil, a depuradora de Moreira, aparcadoiros, o novo centro de saúde, parques públicos ou instalacións deportivas. O goberno local xa está traballando con ese obxectivo”, salientou a rexedora.

Pola súa banda, a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, fixo fincapé no valor do PXOM para garantir os postos de traballo das actividades e instalacións empresariais que hoxe están sometidas a ameaza de demolición e peche. “O PXOM dará solución tamén ao comercio e á hostalaría, que non podía até agora legalizar ou ampliar a súa actividade”, lembrou a concelleira.

Cristina Fernández Davila puxo en valor o traballo do goberno municipal. “Cando BNG e PSOE asumimos en 2015 a responsabilidade de gobernar Ponteareas, a localidade levaba sen Plan Urbanístico 13 anos, dende 2002.  Este goberno logrou en seis anos a aprobación provisional do PXOM por tres veces, en 2016, en 2019 e en 2021. Nas dúas primeiras non foi posíbel a súa entrada en vigor pola negativa da Xunta a aprobalo definitivamente. Finalmente este ano, e nun exemplo de capacidade de negociación e entendemento coa Xunta de Galicia, logramos a aprobación definitiva transcendental para a historia de Ponteareas”.

O PXOM de Ponteareas entra en vigor