viernes. 29.03.2024

O mestre Damián Copena, veciño de Ribadetea e profesor de Economía da Universidade de Oviedo, estará este venres 26 de novembro en Ponteareas presentando o traballo que resultou galardoado co VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey.  O acto será ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello, onde Copena falará sobre o ‘Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas’.

Damián Copena.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a participar na presentación desta interesante investigación, nomeadamente a aquela que está vinculada ou interesada na xestión dos baldíos ou montes en man común. O traballo, premiado con 3.000 euros, afonda no importante papel das comunidades de montes e do relevante valor da materia prima e ben común que xestionan. O xurado destacou os obxectivos realistas do proxecto, a súa gran profundidade científica, a importancia da economía ecolóxica e a posta en valor dos baldíos de Ponteareas.

A importancia dos premios de investigación Fermín Bouza Brey é, precisamente, “visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e mesmo aplicábeis á mellora do noso día a día”, salienta o edil. Este galardón está aberto a proxectos de investigación dos ámbitos da historia, arqueoloxía, etnografía, literatura ou ciencias sociais que teñen como referente o municipio ponteareán e, de forma complementaria, a comarca do Condado.

As persoas interesadas en asistir deberán inscribirse chamando ao 986 669 765 ou enviando un correo ao enderezo electrónico [email protected]. A presentación do traballo será retransmitida por streaming a través da páxina de Facebook e da canle de Youtube do Concello.

Damián Copena, gañador do VIII Premio Fermín Bouza Brey