jueves. 28.03.2024

A Xunta impulsa a Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia para fomentar, promocionar e desenvolver esta área estratéxica dentro do agro da nosa comunidade. Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na localidade ourensá de Montederramo, a onde acudiu para visitar unha explotación cárnica e para reunirse con gandeiros do sector na bisbarra.

Neste acto, José González insistiu en manifestar o apoio decidido do Goberno galego a este eido produtivo en particular e ao sector primario en xeral. No caso concreto da carne, o conselleiro explicou que o seu departamento puxo en marcha a devandita estratexia sectorial precisamente para avanzar cara unha produción sustentable, respectuosa co medio ambiente, que aposte polo benestar animal e que xere riqueza e oportunidades nos espazos rurais. Tamén, lembrou, co fin de mellorar o nivel de transformación da industria cárnica galega e de xeración de valor engadido en todos os elos da cadea.

Outro obxectivo desta estratexia pasa, segundo indicou González, por aumentar o peso das marcas de calidade na transformación e comercialización do produto, así como por incentivar o consumo de carne e por mellorar o ecosistema de investigación, innovación e formación dentro do sector. O impulso á remuda xeracional nas explotacións e á promoción da carne galega son outras das finalidades que se perseguen con esta planificación, remarcou o conselleiro.
APOIO

Por outra banda, o titular de Medio Rural recordou as diferentes medidas postas en marcha pola Xunta a prol deste sector en particular e das producións primarias galegas en xeral. Así, referiuse á canle Mercaproximidade, creada durante a pandemia como alternativa para favorecer a comercialización dos produtos primarios a través das principais cadeas de distribución.

O conselleiro puxo en valor, ademais, as axudas directas ao sector da carne. Unhas achegas para sufragar parte das súas perdas pola covid-19 no período do confinamento e mentres a hostalería e a restauración estiveron pechadas, e neste sentido lembrou que un total de 4.621 gandeiros galegos – entre eles o titular da explotación visitada hoxe en Montederramo – recibiron preto de sete millóns de euros por este concepto.

Neste contexto, José González destacou tamén a Lei de recuperación da terra agraria como unha medida normativa que persegue dotar de base territorial aos agricultores, gandeiros e silvicultores e que terá unha positiva incidencia en particular no vacún de carne. Así, engadiu, estes gandeiros, que xa están asentados no territorio e que demandan máis superficie, contribúen ao sostemento medioambiental do espazo rural e tamén á loita contra os incendios forestais.

En parecidos termos, o conselleiro mencionou tamén o plan de pastos de Galicia, que beneficia especialmente este sector. Un plan que – salientou – suporá un investimento, no conxunto de Galicia, de arredor de 9,5 millóns de euros para actuar nunha superficie dunhas 2.250 hectáreas. E precisamente lembrou que un dos pasteiros desenvolvidos na primeira fase deste plan, xa rematada, se localiza neste municipio ourensán e abrangue unha extensión de 34 hectáreas en montes da Pena do Outeiro e Santiago da Medorra.

O fomento da profesionalización no sector gandeiro é outro dos ámbitos de traballo da Xunta, segundo recordou González, quen puxo en valor, nese sentido, os distintos cursos Gandeiros 20_30 organizados por Medio Rural e nos que xa participaron preto de 80 profesionais deste eido produtivo.

PREZOS XUSTOS

Noutra orde de cousas, en relación cos prezos da produción primaria, o conselleiro insistiu na necesidade de acadar un retorno xusto para os produtores polo seu labor, que cubra os custos de produción e máis unha marxe de beneficio. Reclamou de novo un maior compromiso por parte do Goberno Central nesta materia, dentro das súas competencias, e recordou que esta demanda xa se lle trasladou en varias ocasións ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por parte da Xunta.

Así, lembrou que dende o Goberno galego “levamos xa tempo traballando na defensa da necesidade de que se implante de forma específica e forte a prohibición de venda a perdas”. Neste sentido, recordando a recente aprobación da lei da cadea alimentaria, volveu reclamar maior valentía ao Goberno Central “na implantación desta prohibición”. Tamén insistiu en pedir a Madrid o establecemento de “controis que permitiran garantir esa prohibición de venda a perdas” de maneira eficaz, advertindo que dende a Xunta “imos seguir” nesta mesma liña de traballo.

Ademais, o conselleiro remarcou que Galicia está a facer os seus deberes nesta cuestión e que agora lle toca ao Estado cumprir co seu traballo, para asegurar a viabilidade das explotacións agrarias en xeral e das cárnicas en particular.

Por último, tras visitar esta explotación de vacún de carne, José González -que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reunirase con integrantes da asociación de gandeiros do Macizo central – Agromacen.

A estratexia da carne