sábado. 20.04.2024

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en cadanseus actos de clausura, en Santiago de Compostela, de actividades formativas en materia de prevención de riscos no sector da construción e téxtil -organizados respectivamente pola Fundación Laboral da Construcción e o Clúster Téxtil Moda Cointega- no marco dos apoios que a Xunta concedeu este ano, cun orzamento de 1,5 millóns de euros ás entidades reciben para a promoción do traballo seguro.

Mancha entregou os diplomas dun curso de coordinador en materia de seguridade e saúde laboral, desenvolvido pola Fundación Laboral de la Construcción. A actividade formativa, de 200 horas de duración e un total de 14 alumnos, tivo por obxecto capacitalos para entrar a formar parte do rexistro de coordinadores en obras de construción da Xunta.
Entre outras temáticas, a formación centrouse na análise do marco normativo de seguridade laboral adaptada a este sector, na planificación da prevención, o control de riscos e prácticas para aplicar nas obras.

Tal e como resinou Elena Mancha, a figura do coordinador de seguridade resulta “fundamental” nas obras, xa que “un dos factores de risco que ten incidencia directa na sinistralidade é a concorrencia de diversas empresas no lugar de traballo”. A normativa estatal non esixe a estes profesionais formación específica en cuestións preventivas (a excepción da adquirida co seu grao universitario) polo que a Xunta reforzou as esixencias no ano 2008 cunha normativa que regula a formación mínima necesaria e os requisitos para o rexistro voluntario de coordinadores e coordinadoras co apoio do diálogo social. Grazas a esta, indicou a directora xeral, existe “unha maior seguridade tanto para os mesmos coordinadores grazas a esta formación especifica como para todos os demais axentes interviñentes na obra”.

Mancha constatou a necesidade de ter man cualificada nun dos sectores que nestes momentos está a incrementar a súa actividade, o que fai necesario adaptar a formación do seu persoal traballador á evolución técnica e á normativa actualizada de riscos.

ACTIVIDADES FEMINIZADAS

Tamén hoxe a directora xeral de Relacións Laborais participou por videoconferencia na clausura do itinerario formativo para a prevención integral dos riscos laborais nas industrias téxtiles de Galicia, no que participaron un total de 15 alumnos e alumnas.

Esta formación puxo o foco, entre outras cuestións, nos riscos psicosociais emanados da pandemia, na ergonomía adaptada a este sector e na prevención asociada a actividades feminizadas. Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé na necesidade de afrontar “unha efectiva integración da perspectiva de xénero no ámbito preventivo, utilizando as ferramentas que xa posuímos tendo en conta a diversidade dos grupos de traballo, deixando de estandarizar os traballos e os riscos”.

Os actos de hoxe enmárcase na Semana europea de seguridade e saúde no traballo. A Xunta, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, inviste este ano 1,5 millóns de euros para a posta en marcha de accións de formación, sensibilización e asesoramento no ámbito da prevención. O programa está dirixido ás asociacións empresariais e organizacións sindicais galegas, sectoriais e intersectoriais, así como ás fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral e ás asociacións de autónomos, das que un total de 30 entidades resultaron beneficiarias.

Seguridade e prevención de riscos nos sectores da construción e téxtil