viernes. 29.03.2024

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), está a apoiar o proxecto de I+D+i da empresa forcaricense ABCR Laboratorios para mellorar a sostibilidade de baterías para o sector da automoción cunha achega de máis de 200.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este mediodía as instalacións da firma, emprazadas no parque empresarial David Raposeiras de Vilapouca, na compaña do CEO e socio fundador desta industria, Benigno Arén, do xefe territorial de Economía, Tomás Nogueiras, e da deputada autonómica Belén Cachafeiro, e coñeceu a iniciativa, financiada por este organismo dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para o período 2021-2023.

Este proxecto, denominado Eco-Smart Batt e impulsado por un consorcio de empresas galegas e desenvolvido tamén nas localidades coruñesas de Arteixo, Ferrol e Culleredo, consiste na produción sustentable de nanocompostos e ionoxeles para baterías de alta densidade. De xeito global, a iniciativa, baseada na cooperación no eido da investigación industrial, ten un orzamento de máis de 2 millóns de euros e conta cun cofinanciamento do 65% por parte da Xunta de Galicia para a súa execución ata o ano 2023.

“En Galicia temos moitas empresas líderes en I+D, estamos a escalar a gran velocidade en exportación e internacionalización ata situarnos como a cuarta comunidade española con máis de 20.000 millóns de euros anuais e encabezamos a industria 4.0, polo que toda esta industria 4.0, fundamental para o futuro da nosa comunidade, ten que contar cun apoio decidido da Xunta””, explicou Luis López.

Ademais, o delegado territorial amosou a súa satisfacción “porque unha empresa tan vangardista e interesante como ABCR Laboratorios se sitúe no interior do país, lonxe dos principais focos económicos, e xere riqueza e decenas de empregos nunha contorna eminentemente rural como Forcarei, onde está considerada como unha das súas principais industrias por prestixio, importancia e postos de traballo”.

O proxecto financiado pola Xunta, centrado principalmente no ámbito da investigación industrial e que demostra a capacidade de conversión e especialización dunha empresa especializada no ámbito químico e farmacéutico, pretende mellorar a densidade enerxética, o custo e a sostibilidade das baterías de ion-litio a través do coñecemento de materiais activos e inactivos. Así, búscase a súa evolución para dotar de mellores perspectivas ao sector do automóbil favorecendo a redución de emisións, para o cal vaise apostar pola obtención de materiais derivados do silicio.

ABCR Laboratorios, mellorar a sostibilidade de baterías para o sector da automoción