jueves. 25.04.2024

A Xunta contribúe economicamente á promoción do cinema galego nunha decena de destacados festivais do circuíto internacional a través do programa de axudas para a comercialización e difusión de obras audiovisuais, que acaba de resolver a Axencia Galega das Industrias Culturais. Mantense deste xeito o apoio á proxección exterior do noso audiovisual, que logrou unha significativa presenza nas citas cinematográficas máis relevantes da temporada nun ano no que a presencialidade aínda está a regresar gradualmente a salas e certames.

A raíz desta convocatoria da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, distribúense preto de 30.000 euros entre sete produtoras galegas para o desenvolvemento de diferentes accións promocionais con motivo da selección das súas producións en Cannes, Venecia, Toronto, Bos Aires, San Sebastián, Málaga, Sevilla ou Sitges, entre outras mostras.

FITAS PREMIADAS

Precisamente, no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges apoiáronse as campañas de dúas das fitas no palmarés do certame: Jacinto, de Javi Camino con produción de Vizuals Lab, que se alzou co premio do público en Panorama Fantástico na súa estrea oficial, e Tres, coproducida por Frida Films e dirixida por Juanjo Giménez tras o éxito da súa curta Timecode, que foi galardoada co Méliès d'Argent á mellor película. Tres contou, así mesmo, co apoio da Xunta para a súa promoción na Biennale de Venecia, onde tamén estivo Filmika Galaika con Eles transportan a morte, de Helena Girón e Samuel M. Delgado, recoñecida co Premio Mario Serandrei á mellor aportación técnica na Semana da Crítica da mostra italiana.

Ademais, Filmika Galaika obtivo subvención para a participación coa devandita Eles transportan a morte no Festival de San Sebastián, colleitando unha mención especial do xurado da sección Zabaltegui-Tabakalera; con Os corpos, de Eloy Domínguez Serén, na competición de vangarda do Bafici de Bos Aires e no festival de curtametraxes de Clermont-Ferrand, en Francia, e con Sycorax, de Lois Patiño e Matías Piñeiro, na Quincena do Realizadores do Festival de Cannes (Francia) e no Festival Internacional de Cine de Toronto (Canadá).

Entre os títulos apoiados, moitos dos cales xa recibiran axuda da Xunta para a súa realización en anos anteriores, atópanse igualmente a curta Augas abisais, de Xacio Baño, para a súa exhibición en Clermont-Ferrand e no Festival de Cine Español de Málaga; Ningún río me protexe a min, traballo experimental de Carla Andrade con produción de Gonzalo E. Veloso, que se exhibiu no Zinebi de Bilbao, ou Miguel’s War, documental da directora libanesa Eliane Raheb coproducido por Zeitun Films, que xa pasou pola sección Panorama da Berlinale e proximamente se exhibirá en Las nuevas olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla. No certame hispalense participará tamén Matriuska Producciones con ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres.

O obxectivo desta liña de axudas é contribuír a poñer en valor o traballo de produción e creación audiovisual con selo galego, así como a situar a nosa Comunidade no mapa cinematográfico internacional. Con tal fin, as contías outorgadas destínanse ao transporte de material de promoción específico, á contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, ao desprazamento e á estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e á tiraxe e/ou subtitulado das copias.

Festivais do circuíto internacional de cine