martes. 19.03.2024

A Xunta investirá o ano que vén 4,8 millóns de euros ao abeiro do Plan de pastos de Galicia, o que supón un aumento dun 58 % con respecto ao destinado en 2021, cando se consignaron algo máis de tres millóns para este fin. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros- supervisou hoxe os traballos levados a cabo no monte veciñal de Valongo, na localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade, no marco de dito Plan. Alí, tamén destacou que o Goberno galego destinará o ano vindeiro 5,33 millóns de euros a desenvolver os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria.

Deste xeito, o conselleiro reafirmou o compromiso da Xunta a prol de consolidar figuras de posta en valor como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, non só co propósito de xerar actividade económica no rural e co de fixar poboación, senón tamén co de avanzar na anticipación aos incendios forestais ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes. Tamén serven de devasa os pasteiros promovidos no marco do Plan de pastos de Galicia, segundo destacou José González, sendo así solicitados polas propias comunidades de montes veciñais en man común.

Así, os dous representantes de Medio Rural supervisaron hoxe en Cerdedo-Cotobade os pastos executados nas parroquias de Caroi, Loureiro e Valongo, cun orzamento de case 200.000 euros. Os labores non só consistiron na implantación dun pasteiro de 34,43 hectáreas, senón tamén na instalación dunha manga de manexo de gando de 20 metros de longo, na construción de 3.100 metros de peche perimetral e na colocación de dous comedeiros e dous bebedoiros, así como dunha condución de auga para a subministración dos bebedoiros. A maiores, puxéronse tres cancelas e leváronse a cabo obras de mellora no camiño de acceso.

Segundo destacou o titular de Medio Rural, na segunda fase do Plan de pastos -xa en execución- tamén hai accións previstas en Cerdedo-Cotobade. En total, preto de 50 hectáreas de traballos a petición das comunidades de montes de Montouto e de Deán, para actuar, fundamentalmente, nos montes de Quireza e de Figueroa. Esta programación prevé labores como a instalación de máis de 4 km de peches ou traballos en 300 metros de pistas de acceso. Así mesmo, está previsto habilitar dous pasos canadenses, dous bebedoiros, un pozo e unha manga de manexo de gando.

O conselleiro do Medio Rural puxo de relevo que no conxunto da provincia de Pontevedra están programadas case 225 ha de pasteiros nun total de sete concellos, cun investimento próximo ao millón de euros. En toda Galicia, a segunda fase contempla case unha trintena de pastos en montes veciñais cunha superficie de actuación próxima ao milleiro de hectáreas.

Cómpre lembrar que a primeira fase supuxo poñer en valor 560 hectáreas de terreo en 14 montes veciñais doutros tantos municipios de toda Galicia. Isto foi posible cun investimento total de 2,3 millóns de euros.

Cabe engadir que o Plan de pastos de Galicia recolle ata catro fases coas que está previsto traballar nunhas 2.250 hectáreas da nosa comunidade, cun investimento total duns 9,5 millóns de euros.

Plan de pastos de Galicia