viernes. 29.03.2024

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tivo hoxe a oportunidade de coñecer á nova dirección da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e visitar as instalacións deste centro, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no barrio vigués de Navia.

Durante a reunión, que valeu como presentación do recente nomeamento de Roberto Relova Quintero como o novo director desta escola, e na que estiveron presentes Nuria Montero Gullón (Vicedirección), Xavier Castiñeira Blanco (Xefatura de estudios) e David Mortol Moreno (Secretaría), Fernández-Tapias interesouse polo funcionamento do centro e os programas e proxectos escénicos que se están a desenvolver desde os distintos departamentos.

Así, a representante autonómica reafirmou o compromiso do Executivo autonómico coa que é unha das catro únicas escolas en España que inclúe na súa oferta educativa tres especialidades de titulación superior; interpretación, escenografía e dirección escénica.

Asemade, a ESAD de Galicia colabora regularmente con institucións de dentro e de fóra de Galicia no desenvolvemento de proxectos escénicos como o Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões ou festivais internacionais de teatro. Tamén ten presenza noutros eventos educativos e teatrais do exterior como os encontros internacionais de Commedia dell´Arte, xornadas de nova dramaturxia na Universidade de Coimbra ou a Cuadrienal de Escenografía de Praga, entre outros.

Neste sentido, a delegada territorial destacou o nivel formativo e de empregabilidade deste centro de estudos superiores, no que o seu alumnado “atópase na primeira liña da cultura galega e nacional”, con presenza en series tanto nas principais canles xeneralistas como no amplo abano de plataformas dixitais de televisión.

Actualmente o centro conta con 168 alumnos matriculados máis os estudantes Erasmus, e un cadro de 40 profesores.

Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, 168 alumnos matriculados máis os...