martes. 19.03.2024

Arturo Maneiro Vila xa é o novo premio Diego Bernal. Tras 25 edicións á fronte da Asociación de Periodistas de Galicia, APG, que agora preside María Méndez, Maneiro foi receptor do premio, cousa moi distinta ás outras edicións, cando estaba nesta organización de xornalistas que o outorgaban.

A celebración estivo precedida de meses de incerteza pola pandemia e a imposibilidade de reunirse para entregalo. Finalmente, foi este xoves en Santiago de Compostela. Como nos 13 anos anteriores, foi convidado e acudiu o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O acto foi presentado pola xornalista Susana López Carbía.

María Méndez, a nova presidenta da Asociación, no seu discurso afirmou que “podemos e sabemos encontrarnos e ese vai ser o espírito que moverá a APG nesta nova etapa que me honro en presidir”. Arredor de 150 persoas acudiron á entrega do Diego Bernal, entre eles membros da familia Bernal, directores de medios e xornalistas de toda Galicia.

Méndez dixo do premiado: Arturo Maneiro é “merecedor dun premio que patrocinou con enorme tesón e estivo marcado con grandes historias profesionais”.

A loa do premiado foi feita por Alfonso Cabaleiro, amigo e colega que estivo ao seu lado noutros momentos profesionais. 

Cabaleiro apuntou algúns datos biográficos de Arturo Maneiro, algúns inéditos da súa xuventude. Antes, definiuno así: “É como é; é o que quixo ser; e é o que quere ser”. Dentro destes parámetros “sempre quixo ser xornalista” e  ‘documentouno’ con trazos da súa xuventude.

Cabaleiro coñeceu o premiado na época universitaria en Pamplona. “Era o residente máis respectado” do colexio maior, comenta.

Logo destacou o seu traballo xornalístico en ‘La Gaceta del Norte de Bilbao’ “nos anos máis duros do terrorismo de ETA’ (1977-1981). Unha época de traballo ‘moi intenso’, segundo o premiado, na que houbo “precaución e medo”, segundo o autor da loa. Destacou algunha das exclusivas conseguidas por Maneiro e a morte do colega e xefe, José María Portell, primeiro xornalista que  asasinou a banda terrorista. Cabaleiro destacou como Arturo estivo ao seu lado ata que levaron o corpo para a autopsia.

A axencia informativa Vasco Press foi un proxecto no que se embarcou o agora premio Diego Bernal xunto con outros compañeiros da Gaceta. Arturo sempre pensou en volver a Galicia. E así comeza a traballar no Ideal Gallego (1984). Un ano despois, nos informativos da TVG ás ordes de Lois Caeiro. O seguinte paso é o cargo de director de Informativos na Televisión de Galicia con Ramón Villot. En 1994, Arturo Maneiro é nomeado director da TVG por Francisco Campos. E despois, 1996, director da Radio Galega.

Alfonso Cabaleiro sintetiza as características profesionais do premiado: “Esixencia no rigor informativo, profesionalización e modernización de todas as áreas, facer dos medios públicos auténticos receptores e transmisores de servizo público, e promoción de mulleres xornalistas a postos de dirección de informativos, algo entón nada habitual”.

Tamén Cabaleiro destacou dúas publicacións pioneiras de Arturo Maneiro. Un libro sobre a información nos medios públicos galegos e un manual de estilo de informativos na TVG.

Remata a etapa audiovisual, 2009-16, con Maneiro como membro do Consello de Administración da Compañía de Radio Televisión de Galicia, CRTVG.

“Paralelamente ó seu traballo, sempre lle preocuparon os aspectos organizativos, laborais e asociacionistas da profesión. É por iso que, en 1995, crea e impulsa a Asociación de Periodistas de Galicia, APG”, subliña Cabaleiro.

En 1997, organiza un congreso para a constitución dun colexio profesional. “Idea á que xa viña lle dando voltas con anterioridade”, explicou. Unha vez posta en marcha, presenta unha candidatura que non é elixida.

A partir de aquí, Maneiro remata o doutoramento en Comunicación pola Universidade de Navarra. E incorpórase ó cadro de profesores da Universidade de Vigo, no seu campus de Pontevedra, na Facultade de Publicidade e Relacións Públicas. Ata aquí a presentación do premiado.

ENTREGA

A continuación, o presidente da Xunta e a presidenta da APG entregaron a vieira de prata do Diego Bernal ao premiado. Tralas correspondentes fotos, unha sorpresa. A APG obsequiouno cun libro de 104 páxinas de “trinta e sete relevantes xornalistas galegos que analizan a faceta humana e profesional de Arturo Maneiro”. ‘Arturo Maneiro, periodista’ leva de capa unha caricatura do premiado realizada por Siro López,  pintor, escritor e periodista galego así como debuxante de humor e caricaturista político, ensaísta e investigador. Maneiro manifestou unha gran sorpresa polo inesperado da publicación. No libro hai dous artigos que se titulan ‘Periodista, con perdón’, expresión que Arturo adoptou como presentación en Twiter e que acostuma repetir con frecuencia.

MANEIRO

Como o acto desenvolvía con retraso, o premiado optou por non ler o seu discurso. Un Maneiro visiblemente emocionado dicía: “Non teño palabras suficientes como para poder agradecer este acto..”.

E rematou lendo o último parágrafo do seu discurso que, avisou, estará na web da APG. “Todo o que mellore o produto que ofrecemos aos lectores, oíntes e espectadores axudará a que se manteña ou recupere o prestixio do xornalismo para que poida servir á sociedade para mellorar as súas condicións de vida. E nós seguiremos a traballar nunha profesión emocionante”.

FEIJÓO

Tralos aplausos, subiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao atril. Cualificou a Maneiro como xornalista “maduro” e que “fixo medrar os medios públicos”.

Feijóo apoiouse nun artigo do premiado de hai cinco anos, ‘Tiempo de Paradojas’ para facer similitudes entre o periodismo e a política.

“Un premio [o Diego Bernal] con esforzo, determinación, con entrega para construír un medio de comunicación que non existía, a CRTVG”, dixo.

“Arturo Maneiro comprendeu a Galicia. Viu que nos albores da Autonomía –agora cumprimos 40 anos- era necesario completar o autogoberno cuns medios públicos que emitisen as vinte catro horas en galego”.

Feijóo detívose na creación da TVG en 1984-85 e a importancia para a lingua galega.

Volveu sobre o premiado. “Un xornalista tan serio como Maneiro...Coruñés que traballou e fixo algúns servizos ao país...Ó final, o importante é o que fas polos demais, non o que fas para ti mesmo”.

O acto finalizou cun almorzo.

Maneiro Vila, premio Diego Bernal, “con perdón”