viernes. 29.03.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou este martes a conservar a vixencia dos valores do Camiño de Santiago que, ao longo da historia, recordou, guían á nosa sociedade inspirando a convivencia.

Durante o acto de apertura da XXIII Edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, baixo o título Camino de Santiago: camino de paz y justicia, Feijóo salientou que a Ruta Xacobea é historicamente un vector de vertebración cultural e social sen o que non entenderíamos a Europa de hoxe.

“Ao longo do traxecto os peregrinos exercen os mellores valores europeos: a tolerancia, a convivencia, o respecto ao outro e o afán constante por chegar”, abundou.

O responsable do Goberno galego aproveitou a súa intervención para agradecer, “nesta época que, a miúdo, lle sobra o ruído”, espazos de reflexións coma este foro que fomentan a análise.

Así mesmo, garantiu o compromiso da Xunta coa modernización da Administración de Xustiza, a través de medidas que faciliten o labor de todos os seus traballadores e ofrezan aos cidadáns un servizo eficiente.

Nesta liña, referiuse ao Plan de infraestruturas xudiciais, dotado con máis de 120 millóns de euros, que culminará este ano co remate da Cidade da Xustiza de Vigo, e ao inicio da construción dunha sede propia do Instituto de Medicina Legal de Galicia.

O presidente do Goberno galego recordou tamén que xa se teñen implantado 20 salas dixitais coa previsión de sumar outras 66 nos próximos meses, ata chegar ás 142. Unha iniciativa que forma parte do Plan Senda dotado con 50 millóns de euros, practicamente xa executados.

A Ruta Xacobea, historicamente un vector de vertebración cultural e social