viernes. 29.03.2024

O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea desde a Historia e a novela histórica que contará coa participación de escritores referentes do xénero e autores de best sellers relacionados coa temática xacobea baixo a dirección de Isabel San Sebastián.

Organizada pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o luns 27 de setembro ás 19,00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino.

As conferencias continuarán nos días sucesivos, sempre ás 19,00 horas. O martes 28 será a quenda de Antonio Pérez Henares. Seguiralle Juan Eslava Galán o mércores 29 e pechará Emilio Lara o xoves 30. De marcado carácter divulgativo, todas celebraranse no auditorio do Museo con entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

A entidade organizadora, formada por un grupo de escritores e historiadores españois, traballa por difundir a Historia de España a través da novela histórica combinando Historia e ficción con rigurosidade polos feitos acaecidos coas ferramentas propias da narrativa. O obxectivo é aunar a Historia e Literatura a través de seminarios, cursos universitarios ou ciclos de conferencias de xeito ameno e atractivo para o gran público.
O ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso enmárcase nas distintas actividades conmemorativas do 70 aniversario do Museo das Peregrinacións e de Santiago, que inclúe unha programación variada e dirixida a todas as idades. A Xunta busca así fomentar o papel estratéxico do museo na divulgación xacobea, especialmente coincidindo co dobre Ano Santo que se celebra en 2021 e 2022. Para iso, a programación especial desta efeméride inclúe visitas teatralizadas, obradoiros de oficios tradicionais, conferencias, concertos e exposicións neste último trimestre do ano.

ISABEL SANSEBASTIÁN

Isabel San Sebastián (Santiago de Chile, 1959) será a encargada da charla inaugural, titulada Alfondo II, o primeiro peregrino. Xornalista e escritora, traballou en numerosos medios de comunicación tanto en prensa, radio e televisión, ademais de publicar máis dunha decena de libros. Nos últimos anos profundizou na temática xacobea coas novelas La Peregrina, que relata aventura que deu orixe ao primeiro Camiño de Santiago, pola que obtivo o Premio Internacional Pentafinium Jacobeo de Literatura, e Las Campanas de Santiago, publicada en 2020 e que retrata a Compostela de 997.

ANTONIO PÉREZ HENARES

O martes 28 será a quenda do escritor e xornalista Antonio Pérez Henares (Guadalajara, 1953) coa conferencia Os cabaleiros de Santiago. Recoñecido polas súas obras prehistóricas Nublares, El hijo de la Garza, El último cazador, La mirada del lobo e La canción del Bisonte, tratou a Historia medieval en novelas como La tierra de Alvar Fáñez e El rey pequeño. A súa última novela do xénero é Cabeza de vaca, sobre a figura do conquistador español que cruzou a pé Florida ata o Pacífico e México. Escribiu tamén varios libros de viaxes e é, ademáis, presidente da Asociación Escritores con la Historia.

JUAN ESLVA GALÁN

O autor de obras como o Premio Planeta En busca del Unicornio, Juan Eslava Galán (Arjona, 1948) será o terceiro autor en participar neste ciclo. Será o mércores 29 de setembro coa conferencia Os meus Camiños de Santiago. A súa carreira como escritor suma un cento de libros principalmente novelas e ensaios históricos. Entre as súas primeiras novelas destacan El comedido hidalgo, con ecos cervantinos da España de fins do século XVI, ou La mula e Señorita, ambas con tramas que se desenvolven durante a Guerra Civil Española. Tamén publicou baixo o pseudónimo de Nicholas Wilcox. Os seus últimos libros son Una historia de la Guerra Civil ou La Conquista de América Contada para Escépticos.

EMILIO LARA

O ciclo rematará o xoves 30 con Emilio Lara (Xaén, 1968) e a súa conferencia O Camiño e a aventura de Europa. Emilio Lara é doutor en Antropoloxía, licenciado en Humanidades con Premio Extraordinario de Grao, Premio Nacional Fin de Carreira, profesor de Xeografía e Historia de Ensinanza Secundaria. Na súa traxectoria literaria publicou catro novelas: La cofradía de la Armada Invencible, El relojero de la Puerta del Sol, Tiempos de Esperanza e Centinela de los sueños, que o fixeron merecedor de numerosos premios.

'Santiago, historias dun Camiño prodixioso'