viernes. 26.04.2024

A Biblioteca Pública Municipal de Tui promove un mes de actividade de animación á lectura para todas a idades entre o mércores 22 de setembro e o 25 de outubro. O obxectivo é realizar unha oferta de actividades que contribúan á difusión do libro e a lectura como una ferramenta de coñecemento e de entretemento entre os diversos segmentos sociais.

A primeira cita será este mércores, 22 de setembro, ás 18 h coa presenza na Biblioteca Municipal tudense da escritora e contacontos Paula Carballeira que manterá un encontro coa rapazada tudense.

Paula Carballeira (Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía Hispánica; dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral así como á literatura. Integrante da compañía Berrobambán desde 1996, tamén desenvolve a súa traxectoria como directora e actriz noutras compañías, como Centro Dramático Galego (para o que en 2006 dirixiu e interpretou A cabana de Babaiagá), Talía Teatro ou Magrinyana. Paula Carballeira participou en destacados festivais de narración oral, tanto nacionais como internacionais, ademais de traballar como actriz e contadora de contos en diferentes series e espazos da TVG (Apaga a luz, A noite en branco, Pequeno Hotel, Ou rei da comedia, Rías Baixas, Máxima audiencia, Contando estrelas, Pepe Ou Inglés e, na actualidade, Libro de familia) e como colaboradora nos programas da Radio Galega Xamón, xamón e A taberna da Galega. Ten recibido, entre outros, o Premio Manuel María de Literatura Dramática (2006, 2011 e 2018) e o Frei Martín Sarmiento (2016).

Como autora de literatura infantil publicou as seguintes obras: A percura (1990); Robín e a boa xente (1995); Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima (1996); Olo-iepu-iepu (1999); Mateo (1999); Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais 1999); Paco (2001); Correo urxente (2001); O ganso pardo (2002); A era de Lázaro (2004); Smara (2006); Boas noites (Xerais 2007), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007 e O refugallo (Xerais 2013), Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2011. Ten publicado, ademais, o poemario Contatrás (2006).

O programa completo deste “Mes da Biblioteca” comprende as seguintes actividades:

  • Mércores 22.09 ás 18.00 h Encontro con Paula Carballeira
  • Xoves 30.09  ás 18.00 h “Levántate Xan, contos para bebés” con Caxoto
  • Xoves 30.09. ás 20.30 h presentación do libro “1598: la peste en Vigo” de Antonio Giráldez
  • Mércores 06.10 ás 18.00 h “Pes de Lobo” con Anxo Moure
  • Mércores 13.10  ás 18.00 h “Contacontos de libros contentos” con Carmen Domech
  • Luns 18.10 ás 20.00 h. Día das escritoras: Encontro escritoras da Eurocidade con Conchi Regueiro e María José Areal
  • Luns 25.10: Día da biblioteca, coa presentación do Club de Lectura da Biblioteca Municipal

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, esta programación expresa o compromiso do Concello de Tui pola difusión cultural e por favorecer o acceso de todos os cidadáns e todas as cidadás, tamén os rapaces e rapazas, á información e á cultura a través da Biblioteca Municipal e a súa oferta de actividades.

Esta programación é posible grazas á colaboración do Programa Ler Conta Moito da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia.

A escritora e contacontos Paula Carballeira manterá un encontro coa rapazada tudense