Tratamentos das secuelas pos-COVID nos balnearios

O profesor titular de Hidroloxía Médica da Facultad de Medicina da Universidad Complutense de Madrid Francisco Maraver inaugurará este mércores 15 de setembro en Expourense a primeira xornada do “II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde” de Termatalia, promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. No encontro analizarase o papel dos balnearios na recuperación da saúde trala pandemia.

Baixo o título “Tratamentos das secuelas pos-COVID nos balnearios europeos”, o experto académico repasará a situación do sector termal en Europa dende xaneiro do 2020 ata hoxe, a tipoloxía das secuelas pos-COVID e a realidade dos tratamentos nos balnearios neste período, así como as actividades e estratexias nas que o doutor ten participado para responder ao reto tanto dende a administración como dende sociedades empresariais e científicas. Así mesmo, abordará as evidencias e os beneficios da balneoterapia nas secuelas pos-COVID, ademais dos fundamentos científicos destes tratamentos.

Francisco Maraver.

Na opinión do doutor Maraver, as propiedades saudables das augas minero medicinais poden ser unha excelente oportunidade para o coidado das persoas tras a pandemia e para a reactivación da industria termal, logo do peche ao que estiveron abocados os establecementos balnearios en toda Europa dende o inicio da emerxencia sanitaria, agás os meses do verán do pasado ano.

Na actualidade, os balnearios galegos e de toda Europa atópanse nun proceso de gradual volta á actividade, recuperando o seu papel no sector do turismo de saúde e benestar. Preséntanse como unha alternativa especialmente axeitada para o descanso e o coidado persoal nestes momentos, dada a súa natureza de centros sanitarios, que seguen estritos protocolos de seguridade fronte á COVID-19.

HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES

Nesta xornada da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia reuniranse un nutrido grupo de expertos médicos. Logo da conferencia inaugural do doutor Maraver terá lugar unha mesa redonda sobre os balnearios na recuperación de hábitos saudables tras a COVID-19, na que intervirán a doutora Laura Gómez, directora médica do balneario de Mondariz, que falará sobre a alimentación saudable; e Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, sobre turismo termal e marcha nórdica.

Na seguinte mesa redonda abordarase a rehabilitación no balneario das secuelas respiratorias dos pacientes tras a COVID-19, coa participación do doutor Elías Festa, director médico do balneario de Caldelas de Tui; a doutora Coral González, da Unidade Multidisciplinar pos-COVID do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU); e Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña. A continuación tratarase a rehabilitación no balneario dos trastornos músculo-esqueléticos, coa intervención da doutora Dolores Fernández, directora médica de Caldaria Termal; o doutor Xoan Miguéns, xefe de Rehabilitación do CHUO; e Kamil Brzezinski, fisioterapeuta do balneario de Laias.

No transcurso da xornada Fernando Fraile, director do Instituto de Calidade Turística de España (ICTE), presentará a Norma ISO/PAS 5643, na que se recollen os requisitos e directrices para a redución do risco de transmisión da COVID-19 na empresa turística.

A conferencia de clausura será impartida polo doutor Luis Ovejero, director médico do balneario de Archena (Murcia). Relatará a experiencia deste balneario na recuperación física e psíquica tras a COVID-19.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada