viernes. 29.03.2024

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe o potencial da frota de palangre de superficie da Guarda, que dentro da súa modalidade está recoñecida como a máis importante en España e unha das máis relevantes do mundo. Ese peso no conxunto deste sector, subliñou Rosa Quintana, é froito do labor dos profesionais que a compoñen e “do saber facer da evolución e da adaptación constante”.

Así o sinalou durante os actos do 25 aniversario da Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) que se celebraron hoxe neste municipio pontevedrés. Alí a titular de Mar tamén sinalou que a frota de palangre de superficie da Guarda é un exemplo de que “o local se pode volver global pois, xunto cos compañeiros lusos, percorre todos os mares do mundo e leva o nome de Galicia polos portos de catro continentes”.

Isto faino, salientou, practicando unha actividade responsable e co compromiso da xestión sustentable das pesqueiras. Outro dos atributos que destacou Rosa Quintana desta frota é a experiencia que lle permitiu facer fronte a diferentes dificultades, entre elas, as da pandemia da covid-19.

En relación a Orpagu, a conselleira do Mar recoñeceu o valor do traballo que realiza na defensa dos intereses dos seus socios e a súa participación en iniciativas mundiais como FIP Blues, que xurdiu co obxectivo de mellorar a pesqueira da quenlla e o peixe espada. Esta organización, da que tamén forman parte buques portugueses, desenvolve ademais proxectos innovadores relacionados coa mellora da eficiencia enerxética das dúas instalacións e coa sustentabilidade da súa actividade.

Outra das tarefas de Orpagu que destacou a titular de Mar é o deseño de novas vías de comercialización e identificación do peixe espada e outras especies afíns coa finalidade de aumentar o seu valor engadido, tanto no mercado como na gastronomía gourmet.

A maiores, engadiu Rosa Quintana, esta organización tamén impulsa actuacións sociais, deportivas e de turismo que contribúen á dinamización da economía local. Por último a conselleira felicitou a Orpagu polos seus 25 anos de traxectoria e por ser referente da imaxe da Guarda e da frota espadeira galega, española e europea.

ORPAGU

A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) constituíuse en marzo de 1996 co fin de regular, desenvolver e fomentar a actividade de pesca de buques palangreiros, frescos e conxelados, e defender os intereses dos seus membros. Foi recoñecida en 1997 como Organización de Produtores Pesqueiros e a partir de 2017 tamén se lles recoñeceu o ámbito transnacional europeo no sector da pesca de altura e gran altura.

Esta organización representa á frota máis importante de Europa en canto á pesca de palangre de superficie de altura e de grande altura, que conta con máis de 70 buques especializados na pesca de peixe espada e outras especies afíns e está presente en todos os mares desde o Océano Pacífico ao Índico, pasando polo Atlántico Norte e o Atlántico Sur. En 2020 as súas conservas recibiron o premio Alimentos de España, concedido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

25 aniversario da Organización de Palangreiros Guardeses, Orpagu