sábado. 20.04.2024

Ponteareas será unha vez máis un dos espazos máis importantes para o ciclismo galego. Entre os días 16 e 19 de setembro a vila do Tea acollerá dúas etapas da 19 edición da Volta Ciclista a Galicia: a inaugural, unha contrareloxo individual de seis quilómetros con saída e chegada no centro do municipio, e a segunda, que partirá dende Ponteareas e regresará a ela tras un percorrido de máis de 140 quilómetros polo concello e a comarca.

O concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, agradece a Federación Galega de Ciclismo que tivese en conta Ponteareas como punto de partida desta competición, que décadas atrás lideraron os ciclistas ponteareáns da familia Rodríguez Barros. Así mesmo, destaca a “gran tradición deste deporte na vila, que conta co récord de tres gañadores de La Vuelta a España: Álvaro Pino, e os irmáns Delio e Emilio Rodríguez Barros”. “A Volta a Galicia porá en valor a beleza e a natureza da nosa contorna, ademais de dar un pulo a economía local”, destaca.

Un dos aspectos que fan máis atractiva a Volta Ciclista a Galicia deste ano é que volve tras ser suspendida pola COVID o ano pasado. Ponteareas estará marcada en todos os calendarios dos equipos de elite e sub 23 galegos, xa que é unha das probas máis importantes na que participan ao longo do ano.

Volta Ciclista a Galicia comezará na vila do Tea e acollerá dúas etapas