sábado. 20.04.2024

ABANCA e Afundación retoman, na programación trazada a partir do mes de setembro, o seu programa 'Corrente cultural', un proxecto que, en colaboración con concellos de toda Galicia, traslada propostas culturais fóra dos espazos propios da entidade cultural de referencia.

Esta aposta de ambas as dúas entidades para difundir cultura por toda Galicia, polos diferentes municipios e contando coa súa colaboración, constrúe unha rede de calidade que leva novas propostas máis aló dos edificios de ABANCA e Afundación, partindo do convencemento de que a arte é un elemento imprescindible para potenciar o coñecemento e o desenvolvemento das persoas.

AS EXPOSICIÓNS

«Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española» é unha selección de corenta fotografías da emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é o de tratar de achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época. A súa seguinte itinerancia será en Maceda do 8 de setembro ao 12 de outubro, á que seguirá Lousame do 11 de novembro ao 26 de decembro.

Na mostra «Auga. O sangue da terra» o fotógrafo Manuel Valcárcel realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor aparecen nesta mostra que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Estará en Pontecaldelas do 15 de setembro ao 15 de outubro; e en Vimianzo, do 26 de novembro ao 3 de xaneiro.

«Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló» integra pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación e permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte español do século XX, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró. Poderase ver en Verín do 6 de outubro ao 6 de novembro.

Finalmente, «Fillos do océano», conformada por fotografías de Javier Tenente, é un proxecto que documenta, en diferentes lugares do mundo, a forma de vida da pesca artesanal. É tamén unha homenaxe a todos eses homes e mulleres que viven do mar e para o mar, do que obteñen todo o necesario para a súa supervivencia dunha forma sostible. A súa seguinte itinerancia será en Fene do 3 ao 29 de setembro; Laracha, do 8 ao 31 de outubro; Ponteareas, do 5 ao 28 de novembro; e, posteriormente, Barbadás, do 2 ao 31 de decembro.

'Corrente cultural'