jueves. 18.04.2024

Ponteareas será un lenzo en branco para os pintores e pintoras galegas esta fin de semana. Un lugar onde inspirarse e descubrir novas creacións artísticas. A vila estrea a primeira edición da mostra PonteArt que organizan a Federación de comercio, hostalaría e servizos de Ponteareas –Banastra- e o Concello, co obxectivo de achegar “a toda a veciñanza ás artes pictóricas”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

A praza da Música será o centro neurálxico do PonteArt. Acollerá o sábado e o domingo entre as 12.00 e as 21.00 horas a exposición pictórica de 10 artistas galegos da Asociación de Artistas Plásticos Galegos (ARGA), unha mostra de fotografía de José Souto, música en directo, e varios obradoiros de pintura abertos a veciños e veciñas de todas as idades. As persoas interesadas deben inscribirse chamando ao teléfono 682874605 ou escribindo ao correo electrónico: [email protected]. Nesta mostra tamén terán protagonismo as Meninas, creacións artísticas e solidarias que estarán expostas unha vez máis para que a veciñanza poida gozar da súa beleza e orixinalidade.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, afirma que no Concello “estamos moi contentos de acoller un festival adicado ás artes plásticas”, e destaca que Ponteareas continúa sumando na súa “firme aposta” polas actividades culturais. “Ter un festival de teatro de rúa, outro de música de cámara, e un de pintura durante o mesmo mes, é unha riqueza da que temos que estar orgullosos e orgullosas”, concluíu.

PonteArt atrae a 10 artistas galegos