viernes. 29.03.2024

Muerdo e La Pegatina pecharán este domingo, 8 de agosto, o SonRías Baixas 2021, tras seis xornadas de divertidos e enérxicos directos no corazón das Rías Baixas. O ciclo pendurou esta mañá o cartel de entradas esgotadas para a derradeira xornada de música ao vivo desta edición. E, nesta fin de festa, o Recinto Multiusos da Estacada de Bueu, no Morrazo, será testemuña de vibrantes ritmos de raíz, ademais de rumba, ska, merengue ou rumba.

Muerdo | Domingo 8 de agosto, 21.00h

Desde a horta murciana para o mundo enteiro, Muerdo é unha das voces máis interesantes vinculadas ás músicas de raíz. O seu último traballo, La sangre del mundo, nace logo dunha inesperada e longa estadía na América do Sur a raíz da pandemia da covid-19. O seu retiro creativo transformouse nun álbum no que transita entre ritmos mediterráneos, andinos e tropicais e no que colaboran Lido Pimienta, Niño de Elche ou Perotá Chingó.

La Pegatina | Domingo 8 de agosto, 22.30h

Unha das bandas máis queridas polo público do SonRías regresa a casa. Este 2021 será a quinta vez que a banda, o grupo máis dinámico e divertido do panorama musical estatal, actúe en Bueu. Chegan con máis ganas de festa ca nunca nos seus 17 anos de traxectoria para presentar Darle la vuelta, o seu novo disco. Rumba, ska, merengue ou cumbia soarán nun espectáculo enérxico e potente que pechará este ciclo.

O cartel

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste SonRías Baixas 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías

Entradas

O SonRías Baixas pendurou o cartel de entradas esgotadas para as tres últimas xornadas desta edición 2021, cos directos de La M.O.D.A e Sabela (venres 6), Kase.O e SonDaRúa (sábado 7) e Muerdo e La Pegatina (domingo 8). 


Protocolo covid-19


O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o  que garante a seguridade do público durante a súa celebración. O Recinto Multiusos da Estacada está dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto conta con tres zonas diferenciadas, en función do prezo e da distancia co Escenario Xacobeo 21-22; e cada unha delas está dividida, a súa vez, en sectores que contan con servizos independentes (aseos, barra, zona de recarga da pulseira cashless e punto de merchandising). Estes espazos teñen unha capacidade máxima de 500 persoas. 

Os accesos ao recinto están regulados e debidamente indicados. As persoas con entrada xa recibiron nos seus correos electrónicos as indicacións pertinentes sobre como acceder as súas localidades, horarios recomendados e outros consellos, información que tamén se pode consultar no sitio web www.sonriasbaixas.info. Todo o recinto conta con sinalización específica e o persoal da organización é o responsable de indicar ao público o camiño ata os seus respectivos sectores; momento no que lle ofrecen a posibilidade de obter, gratuitamente, as pulseiras cashless, o único sistema de pago válido no interior do recinto. Durante o ciclo de concertos, o público pode recargar o seu saldo desde os seus dispositivos móbiles, mediante uns innovadores tótems distribuídos ao longo do recinto; ou nos puntos de recarga das pulseiras. 


SONRÍAS BAIXAS 2021. AXENDA DOMINGO 8 DE AGOSTO
19.00 horas - Apertura de portas
21.00 horas - Muerdo
22.30 horas - La Pegatina

La Pegatina e Muerdo poñen o ramo ao SonRías Baixas