sábado. 20.04.2024

A alvariza de Pedro Pardo en Triacastela ás 13h e a igrexa parroquial de San Pedro en Melide ás 20h o domingo 1 de agosto, serán as próximas paradas de Resoando no Camiño Francés. A última actuación terá lugar o martes 3 de agosto ás 21h. na igrexa parroquial de San Tirso, en Palas de Rei

Resoando no Camiño Francés é un proxecto de Abraham Cupeiro, unha viaxe pola historia a través da música en seis enclaves patrimoniais da ruta xacobea. Os de Triacastela, Melide e Palas de Rei súmanse aos xa celebrados a pasada fin de semana en Arzúa, Monterroso e Sarria.

O músico e luthier, que recupera instrumentos perdidos no tempo, como o karnyx ou a corna, para crear novas sonoridades, volverá actuar acompañado de artistas como Margarida Mariño (violonchelo), Sabela Caamaño (acordeón), Antía Ameixeiras (violín), Antonio Romero Cienfuegos (contrabaixo) e Nikolay Velikov (violín).

O ciclo, que busca dinamizar a ruta francesa en pleno bienio Xacobeo 21·22 e poñer en valor a música e o patrimonio, conta coa colaboración da Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés.

Para a reserva de entradas é preciso chamar ao teléfono de cada un dos concellos:

  • Concello de Triacastela: 982 54 81 47
  • Concello de Melide: 981 50 50 03

Concello de Palas de Rei: 982 38 00 01

A través dun repertorio de composicións e recreacións musicais incluídas en obras do artista coma PANGEA ou Os sons esquecidos, Abraham Cupeiro fará resoar este domingo as pedras da alvariza de Pedro Pardo en Triacastela, unha construción defensiva para protexer as colmeas das incursións dos osos, recentemente restaurada; un auditorio único no medio dunha natureza desbordante que promete ser escenario dunha actuación moi especial. As persoas que así o desexen, poderán realizar o percorrido desde o Concello de Triacastela, punto de encontro para desprazarse á abellariza.

Tras o seu paso por Triacastela, o mesmo domingo 1 de agosto pola tarde (20h) o concerto trasládase a Melide, á igrexa parroquial de San Pedro, e o martes 3 de agosto á de San Tirso en Palas de Rei (21h).

Ademais de música, cada un dos enclaves patrimoniais seleccionados para a actuación contará cun proxecto de iluminación singular, co fin de potenciar a experiencia e reforzar a posta en valor do patrimonio.   

Abraham Cupeiro recupera e (re)constrúe diversos instrumentos, mesturando os sons con formacións modernas. Como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro. En 2014 foi convidado a probar o de Tintignac – aldea preto de Naves, na rexión francesa de Corrèze–, que é o único karnix que apareceu enteiro até o de agora.   É ademais impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega: a corna, extinta xa na segunda metade do século XX. A que toca Abraham Cupeiro foi atopada por Carlos Tallón na inmensidade do bosque.  

De formación clásica –estudou trompeta e realizou un máster en Interpretación da Música Antiga na UAB–, Abraham Cupeiro sempre sentiu atracción por todo tipo de músicas o que o levou a tomar parte desde ben novo en distintas formacións de folk, jazz, música antiga...   As fusións co contemporáneo, están presentes no seu traballo Compromiscuo co acordeonista Bielorruso Vadzim Yukhnevich, así como en obras escritas ex profeso para el, como o Concerto Misterio de Wladimir Rosinsky xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais, Cupeiro gravou tamén coa Filarmonía de Galicia o proxecto Os Sons Esquecidos, que saíu á luz en 2017 baixo o selo Warner Music. Un ano despois estreaba novo proxecto, PANGEA, gravado en novembro de 2019 coa Royal Philharmonic de Londres nos estudos Abbey Road. 

Triacastela, Melide e Palas de Rei, próximas paradas do ciclo Resoando no Camiño Francés