viernes. 19.04.2024

A Xunta e 75 concellos galegos impulsan a Declaración Institucional por un rural forte e conectado.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e os delegados da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor; en Lugo, Javier Arias; en Ourense, Gabriel Alén; e Pontevedra; Luis Lopez; participaron hoxe no encontro ‘Next Generation Galicia. Por un rural forte e conectado’, que contou coa presenza de máis de 50 alcaldes e representantes municipais.

Vázquez Mourelle agradeceu a colaboración dos Concellos adheridos á Declaración Institucional para demandar ao Goberno central equilibrio no reparto dos fondos en materia de mobilidade coa fin de acadar a vertebración de Galicia e a súa cohesión social.

A Xunta vén compartindo o malestar co 98% dos municipios galegos, que ao ter menos de 50.000 habitantes quedan excluídos do plan europeo de recuperación.

A conselleira apelou á cogobernanza, pois os concellos e as Comunidades coñecen o territorio e as actuacións que precisan os municipios.

Lamentou que o Goberno reserve para actuacións propias o 78% dos recursos europeos destinados a mobilidade, deixando só un 9% para todas as autonomías e un 13% para os municipios.

Fixo fincapé que en Galicia, un país coa metade dos núcleos de poboación de España, o transporte público é chave que dá acceso aos servizos básicos a miles de cidadáns.

A este respecto, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, resaltou “a necesidade de que o rural dispoña de comunicacións e transporte que conecten cos servizos públicos e os centros de actividade”.

Tamén a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, defendeu que “sen rural non hai Galicia”, pois “é necesario para preservar a natureza, loitar contra o cambio climático ou contar cunha industria agrogandeira competitiva”.

Ethel Vázquez salientou que os galegos, xa sexa na cidade, a vila ou aldea, deben ter dereito á mobilidade, ao acceso aos servizos básicos e posibilidades de emprender unha vida profesional de éxito.

Puxo en valor que a Xunta, consciente das singularidades de Galicia, aposta polo transporte público con iniciativas como o autobús gratis aos menores de 21 anos, que supón un orzamento de 80 M€ anuais.

Precisou que o Goberno galego tamén xestiona 5.500 km de estradas e para seguir mellorando esa rede nas cidades e no rural, cómpre un maior equilibrio no reparto de fondos europeos.

Celebrou que o Ministerio de Transportes decida destinar fondos ‘Next Generation’ para humanizar a Avenida de Alfonso Molina na Coruña ou para facer a estación do AVE de Santiago.

Non obstante, a Xunta reclama investimentos para poder impulsar, por exemplo, a conexión de Valdeorras coa estación do AVE e a A-52 na Gudiña, ou acondicionar a estrada entre Portomouro e Santa Comba.

A responsable de Infraestruturas tamén reivindicou acabar coa arbitrariedade nos prazos de execución, pois mentres o Ministerio dispón ata 2026 para acometer as súas obras, as demais administracións deban rematalas a finais de 2024.

Concluíu facendo un chamamento a “un plan de país e non dun Goberno concreto”, é dicir, “un plan ao servizo do progreso do territorio e do benestar dos cidadáns”.

Por un rural forte e conectado