jueves. 28.03.2024

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe na Conferencia de Presidentes Autonómicos un decálogo de acordos para afrontar desde a unidade o reto sanitario, o reto económico e o reto demográfico.

Así, no tocante á covid-19, Feijóo pediu ao Executivo central establecer mecanismos para proporcionar certezas diante dunha pandemia que aínda non vencemos e, se ben, valorou o reforzo de vacinas en agosto, cualificouno de insuficiente xa que non se acadan os niveis de subministro de xuño.

Nesta liña, o titular da Xunta propuxo avaliar o uso da vacina Janssen para menores de 40 anos cun consentimento informado; así como avanzar na Estratexia nacional de vacinación que permita a elaboración dunha planificación para os vindeiros meses e abordar a posible inmunización dos menores de 12 anos e as súas implicacións a nivel educativo.

Vista de la XXIV Conferencia de Presidentes, el máximo órgano político de coordinación multilateral, que se celebra este viernes en el Convento de San Esteban, en Salamanca. EFE /JUANJO MARTIN/POOL


Logo de reiterar a necesidade de contar cunha lei de pandemias, Feijóo trasladou tamén a utilidade de empregar os certificados de vacinación para acceder a determinados espazos pechados, de forma que non se pare a actividade económica e social naqueles concellos cunha incidencia moi alta, evitando peches.

O presidente da Xunta lamentou que o Goberno central non acepte esta proposta, expoñendo a contradición que supón esixir o pasaporte covid ou proba PCR negativa para acceder á xuntanza de hoxe e que esta seguridade sanitaria non se ofreza aos cidadáns para entrar en establecementos como os da hostalería, especialmente afectados pola crise.

“E formulamos tamén a necesidade de que o Executivo se comprometa coa Atención Primaria en España, porque non temos médicos de familia suficientes, nin pediatras”, dixo. Ao respecto demandou dúas ferramentas: a convocatoria extraordinaria de MIR para médicos de familia e pediatría, “como mínimo”; e sacar todas as prazas vacantes no ámbito do Sistema Nacional de Saúde para que se poidan cubrir a través das ofertas públicas de emprego.

COGOBERNANZA

No marco económico, Feijóo reclamou novamente cogobernanza na execución dos fondos e transparencia no seu reparto; uns criterios, dixo, que espera marquen a Conferencia Sectorial co Ministerio de Hacienda que se celebrará o vindeiro luns. “De momento, de todos os fondos que repartiu o Goberno, o 62% xestiónao a Administración central e só o 32% o reparte ás comunidades, que nos sentimos máis como unha especie de oficinas que xestionan as decisións dos ministerios”, explicou.

“E tampouco temos ningún criterio obxectivo de como se están repartindo os PERTE”, dixo, recordando que Galicia, a pesar de que fabrica o 22% dos vehículos en España, non tivo ningunha oportunidade de presentar a súa candidatura a unha fábrica de baterías.

Por último, no ámbito demográfico, o titular da Xunta destacou a necesidade de reformar a estratexia “parcial” que o Goberno aprobou. “Lamentablemente non tivemos oportunidade de consensuar a estratexia unilateral que aprobou o Consello de Ministros”, abundou, trasladando tamén a importancia de que as comunidades cun maior impacto de avellentamento poboacional traballen conxuntamente.

“E tamén formulamos unha política de retorno para fillos e netos de españois”, dixo, recordando que máis de tres millóns de españois residen no exterior, “e moitos deles, se lles damos a oportunidade, poderían vir a España”.

Feijóo concluíu facendo fincapé na ausencia de acordos durante a xuntanza: “Houbo moitos máis monólogos que diálogos e lamentablemente non temos acordos que poidamos transmitir aos cidadáns”, explicou.

Feijóo propón un decálogo de acordos para afrontar desde a unidade o reto sanitario, o...