viernes. 19.04.2024

Profesionais da música e da cultura de Galicia e de Portugal uniranse do 9 ao 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença no marco da feira MUMI 2021, organizada co apoio da Xunta. O evento, que xuntará 18 bandas de ambas beiras do Miño, foi presentado hoxe en Tui nunha rolda de prensa na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Segundo se anunciou, o encontro, dirixido especialmente ao sector musical e cultural co obxectivo de crear novos mercados e destacar o talento creativo de proximidade ante programadores e técnicos culturais, vaise abrir tamén ao público xeral. Así, haberá concertos no Paseo da Corredoira e na Praza de San Fernando, en Tui, mentres que a oferta para profesionais, con sesións de traballo, conferencias e demostracións, terá lugar na Escola Superior de Ciências Empresariais de Valença.

REACTIVAR

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou á organización por ser quen de reconfigurar o proxecto despois de que a pandemia frustrara a inminente celebración da que ía ser a súa primeira edición, prevista para marzo de 2020. Neste sentido, sinalou que o apoio inicial da Xunta no marco do programa O teu Xacobeo mantense este ano dentro do compromiso do Goberno autonómico co sector cultural para lle facer fronte ao impacto da situación sanitaria a través do Plan de reactivación e da celebración do Xacobeo 21-22.

Na rolda de prensa interviñeron, así mesmo, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara Municipal de Valença, Manuel Rodríguez Lopes, ademais dos representantes do equipo organizativo, Emi Candal pola banda galega e José Costa pola portuguesa, que deron a coñecer a programación. A súa xornada inaugural será o 9 de setembro coa estrea da Orquestra Galego Portuguesa de Liberación, unha extensión da Orquestra Galega de Liberación baixo a dirección de Xacobe Martínez Antelo e coa improvisación como nexo común.

O cartel componse de nove bandas e artistas procedentes de Galicia e outros nove de Portugal. No caso galego mantivéronse os nomes que estaban previstos o pasado ano, no que a feira tivo que ser cancelada por mor do contexto derivado da covid-19. Trátase de Familia Caamagno, Magín Blanco e A Banda das Apertas, Oîma, Os d’Abaixo, O Sonoro Maxín, Pálida, Pulpiño Viascón, Silvia Penide e Xacobe Martínez Antelo Quinteto.

Pola súa banda, Portugal abriu unha convocatoria na que resultaron seleccionadas Barry White Go Wrong, Cassete Pirata, Conjunto!Evite, emmy Curl, Jorge da Rocha, José Valente, Kaústika, Ruma, The Guit Kune Do. Deste xeito a feira mostra a diversidade e a riqueza das escenas galega e portuguesa, con representación de música tradicional, electrónica esencial, jazz, funk e pop de autoría.

Encontro de 18 bandas e artistas de ambas beiras do Miño