viernes. 29.03.2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse esta tarde ata Folgoso do Courel para asistir ao inicio de Artesanía de Galicia no Courel, un evento organizado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta para impulsar a divulgación e posta en valor dos nosos oficios artesanais, dar visibilidade á marca Artesanía de Galicia e fomentar o relevo xeracional no sector.

Durante dez días –a iniciativa celebrarase desde hoxe e ata o 8 de agosto–, os visitantes poderán coñecer de preto a esencia de Galicia a través dun amplo programa de obradoiros de artesanía que se impartirán na sede da Fundación Uxío Novoneyra, no Centro Sociocultural Fondo de Vila e nas antigas escolas unitarias de Parada e de Froxán.

Serán un total de 16 os obradoiros que se levarán a cabo e estarán destinados a iniciarse en diferentes oficios como son a ourivería, a ilustración, o gravado, o manipulado de papel, a cestería, o bordado, a madeira, a olería, a creación de cianotipias ou a estampaxe.

Durante a visita, o director xeral de Comercio e Consumo destacou a importancia da divulgación dos novos oficios artesanais a través de demostracións como estas, como unha das vías máis efectivas para lle achegar á sociedade os valores que implica a marca Artesanía de Galicia e o feito a man.

Entre as actividades para as que é necesaria a inscrición previa –con prazas limitadas e taxas de inscrición– atópanse o obradoiro Iniciación á ourivería, a cargo da ourive Susi Gesto (Santiago de Compostela); Ecogravado, impartido por Isabel Somoza, do obradoiro Augatinta (Lugo); Ilustración dun caderno de viaxe, con Iria Prol (Santiago de Compostela); Manipulado de papel, a cargo de Cristina Velasco, do obradoiro Anaquiños de Papel
(A Coruña).

Tamén os obradoiros Cesta con asa de madeira e Botellas forradas con fibras vexetais, dirixidos por Julia de la Cal, de La Parabólica (O Porriño); Bordado botánico, impartido por Minia Banet, do obradoiro Variopinto (Santiago de Compostela); e o curso de Restauración de mobles de madeira, a cargo do obradoiro A Factoría Atelier (O Grove).

A programación de Artesanía de Galicia no Courel inclúe ademáis unha serie de obradoiros abertos ao público adulto e infantil de carácter gratuíto e para os que non é necesaria inscrición previa. Trátase de Iniciación ao torno cerámico, dirixido polos ceramistas Susana González, do obradoiro Terralume (A Coruña) e Carlos San Claudio (Vigo); e Creación de cianotipias, Papel marmolado, Elaboración de papel e encadernación artesanal, A técnica do Transfer e a Técnica do Gyotaku, que correrán a cargo dos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo).

'Artesanía de Galicia no Courel'