sábado. 20.04.2024

A veciñanza de Bueu conta os días para o inicio do seu gran festival de verán. A partir do martes, 3 de agosto, a localidade pontevedresa acollerá seis noites de música ao vivo co retorno dunha das citas imprescindibles do verán en Galicia: o SonRías Baixas, que este ano se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos. Así, do 3 ao 8 de agosto, Bueu acollerá cada noite dous concertos de artistas relevantes da escena galega e estatal, como son Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa.

Berta Dominguez e Jordi Lauren, tándem que dirixe o evento, presentaron esta mañá a proposta, que conta co apoio e patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa Fest Galicia Xacobeo 21-22, da Deputación de Pontevedra, de Turismo Rías Baixas e do Concello de Bueu. No acto, celebrado no porto bueués, a dirección do SonRías Baixas, evento impulsado pola promotora local PlayPlan Cultural, estivo acompañada polo director de Agadic, Jacobo Sutil; a deputada provincial de Xuventude de Turismo, Ana Laura Iglesias; e os edís de Turismo e Cultura de Bueu, Silvia Carballo e Xosé Leal.

PROTOCOLO COVID

O programa deste ano conta con seis sesións nocturnas, con dous directos cada noite, coa intención de poder achegar ao público unha experiencia festivaleira próxima, divertida e, fundamentalmente, segura. O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) eque garante a seguridade do público durante a súa celebración. 

Así, o Recinto Multiusos da Estacada, sede habitual do festival, estará sectorizado, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados. Tal e como expuxo Jordi Lauren esta mañá, o espazo contará con tres zonas diferenciadas, en función do prezo da entradas (29, 26 ou 23 euros, en función da distancia co Escenario Xacobeo 21-22); e cada unha delas estará dividida en sectores que contarán con servizos (aseos, barra, zona de recarga e punto de merchandising). Estes equipamentos independentes terán unha capacidade, como máximo, de 500 persoas. Os accesos ao recinto estarán regulados e todas as asistentes recibirán as indicacións pertinentes sobre como acceder ás zonas e sectores a través de correo electrónico, ademais de poder consultalo na web ou seguir as indicacións que se facilitarán a través das redes sociais.

Todo o recinto contará con sinalización específica, ademais de recomendacións e indicacións para o tránsito e a convivencia segura no espazo; e o persoal da organización poderá achegar información ante calquera tipo de dúbida. Deste xeito, SonRías garantirá que o público transite unicamente por espazos sinalizados (que se corresponden á contorna das súas entradas preasignadas), respectando en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias e facilitando o cumprimimento do protocolo sanitario, que contará, momento de celebración dos concertos, co visto e prace de Sergas.   

Ademais, coa intención de evitar concentracións puntuais e innecesarias, SonRías Baixas ofertará este 2021 un sistema de pago cashless, coa posibilidade de recarga tanto desde os dispositivos móbiles como duns innovadores tótems que estarán distribuídos polo recinto. A este respecto, SonRías organizará durante a súa celebración unha actividade específica para promotores de eventos, coa finalidade de dar a coñecer este sistema.

PROGRAMACIÓN

SonRías Baixas, que xa pendurou o cartel de “localidades esgotadas” para o venres 6 e o sábado 7 de agosto, comezará o vindeiro día 3, e terá lugar en horario nocturno, coa apertura de portas a partir das 19:00h. O primeiro concerto de cada xornada sobre o Escenario Xacobeo 21-22 dará comezo contra ás 21:00h e o segundo, en función do día, entre as 22:15 e as 22:30 horas. 

Ao longo de seis xornadas, o dobre que en anteriores edicións, SonRías Baixas ofrecerá unha programación musical impregnada co espírito do festival, na que destaca a única data en Galicia deste verán do mítico MC Kase.O, que celebra os dez anos do seu proxecto JazzMagnetism; ou os únicos directos de gran formato que ofrecerán La Pegatina, Travis Birds, Tu Otra Bonita ou Muerdo sobre os escenarios galegos. Con eles, a festa e a alegría están garantidas.  


A cantareira Sés e o dúo TéCanela abrirán este martes 3 unha programación rebordante de dinamismo e vitalidade que tamén inclúe a participación de artistas galegas de referencia entre o público local. Así, ademais de Sés, a cantante Sabela dará a coñecer o seu novo espectáculo e os rapeiros SonDaRúa presentarán o seu primeiro LP, Eterno Combate. O cartel inclúe tamén grupos con sona no marco do panorama estatal. É o caso de Iseo & Dodosound, que regresan a Bueu para dar a coñecer as súas novidades musicais; Ciudad Jara, que actúan por primeira vez en Galicia; ou unha das bandas máis aclamadas do momento: La M.O.D.A.

Bueu, as únicas citas do verán de Kase.O, La Pegatina, Travis Birds, Muerdo ou Tu Otra...