viernes. 19.04.2024

O ciclo de concertos Atardecer no Gaiás programados pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura despide xullo con dúas propostas ben distintas pero que comparten a exploración de correntes e tradicións na procura dunha sonoridade inconfundible. O xoves 29 de xullo, o son delicado, escuro e elegante de Jay-Jay Johanson ecoará na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21,00 horas.

Vinte e cinco anos despois do seu debut con Whisky, este compositor, produtor e intérprete escandinavo que se fixo un lugar de seu na escena electrónica dos anos 90 e gañou para si o alcume de Sinatra nórdico, estrea novo traballo. Rorschach Test é un álbum especialmente suxestivo e fondamente teatral que xoga coa percepción do ouvinte e o leva a través de diferentes sonoridades e estados de ánimo.

O trip-hop que constitúe a base sonora da proposta musical do sueco mestúrase con influencias diversas que transitan polo jazz e a bossa e nos embarcan nunha viaxe de melodías hipnóticas que constitúe unha delicia para os sentidos.

O venres 30 de xullo, o dúo Caamaño & Ameixeiras recupera a esencia da romaría no escenario do Gaiás tamén a partir das 21,00 horas. Co seu disco debut, Aire, engalanan a nosa música de raíz con cores doutras latitudes e arranxos persoais e íntimos para nos embeber do espírito da foliada e a celebración do baile.

O álbum nútrese de achegas e colaboracións destacadas como o son as de Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana. Nesta ocasión, a voz e violín de Antía Ameixeiras e o acordeón cromático de Sabela Caamaño contarán coa compaña de Antía Muíño e Xavi Lozano.

16 CONCERTOS

O programa de solpores musicados da Cidade da Cultura propón este ano 16 concertos ao aire libre que se celebran todos os xoves e venres do 8 de xullo ao 27 de agosto. Sons urbanos, trap, indie, pop, reggaeton, electrónica, rock, e música folk e de raíz compoñen unha programación que busca ser un escaparate das tendencias musicais actuais da man de formacións e artistas das contornas galega, estatal, europea e latinoamericana.

Tal e como acontecía en edicións anteriores, Atardecer no Gaiás celébrase na praza central da Cidade da Cultura ás 21,00 horas. As entradas para cada concerto teñen un prezo de 3 euros e póñense á venda cada semana a través da plataforma web de ataquilla.com

Jay-Jay Johanson e a música de raíz de Caamaño & Ameixeiras