sábado. 20.04.2024

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o compromiso dos gobernos portugués e español coa alta velocidade Lisboa-Oporto e Oporto-Vigo-A Coruña como a maior achega “que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal conseguiu nos últimos anos”.

“A Eurorrexión foi quen de persuadir aos gobernos de Lisboa e de Madrid de que o fundamental en materia de infraestruturas de unión entre os dous Estados é o eixo atlántico. A constatación ferroviaria entre Lisboa-Oporto e Oporto-fronteira Vigo-A Coruña é, sen dúbida, a maior achega desde o punto de vista de impulso político que a Eurorrexión conseguiu nos últimos anos”, abundou.

O titular da Xunta traspasou hoxe a presidencia da Comunidade de Traballo de Galicia e o Norte de Portugal tras un balance frutífero e mirando cara á unha Eurorrexión máis global, máis verde e mellor conectada.

Durante a súa participación no XII Plenario da Comunidade de Traballo Galicia – Norte de Portugal, xunto ao presidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte, António M. Cunha, Feijóo destacou que desde 2017, cando asumiu a presidencia rotatoria, Galicia esforzouse para consolidar un espazo útil cheo de oportunidades.

“E hoxe traspasamos a presidencia satisfeitos por presentar un balance frutífero en innovación, sustentabilidade e mobilidade, e convencidos de que terá continuidade”, aseverou, destacando os 85 proxectos en execución por 163 millóns de euros.

Unhas iniciativas que impulsan a innovación en nanotecloxía, avellentamento saudable, investigación de enfermidades neurolóxicas ou crecemento azul; que potencian a competitividade empresarial das pemes, a través da internacionalización e a dixitalización no rural; que favorecen unha Eurorrexión máis verde, con iniciativas de defensa contra os lumes forestais ou a promoción do Camiño de Santiago e que fortalecen as institucións comúns.

No eido das infraestruturas, o responsable do Goberno galego aseverou que a Eurorrexión ten que seguir traballando para abrir a porta a que o nor-leste transmontano poida desfrutar do AVE mediante unha autovía ata a estación da Gudiña; así como para mellorar as estradas entre Celanova e a fronteira para reforzar a comunicación con Braga.

Así mesmo, resaltou a aposta que ao longo deste anos se ten feito no tocante ás institucións que encamiñan este mesmo espírito, a través das agrupacións de cooperación como a agrupación Río Miño, entre outras, as eurocidades ou as iniciativas como B-Solutions para suprimir obstáculos legais e administrativos entre territorios.

Esa capacidade vertebradora tamén se impulsou na ciencia e na cultura, a través de programas como IACOBUS de intercambios entre universidades e centros de investigación; e NORTEAR, que fomenta a divulgación do patrimonio cultural e a creación artística e literaria.

DESAFÍOS

“E durante a pandemia deseñamos un Plan de reactivación da cooperación, que serviu de base no cumio ibérico do pasado outubro. E xuntos tamén propuxemos unha batería de proxectos por 29 millóns no marco dos fondos Next Generation”, engadiu, destacando iniciativas como a ampliación da Ponte Salvaterra-Monçao, o parque da Amizade de Vila Nova da Cerveria e Tomiño, a incubadora de empresas de Chaves-Verín ou o parque agroindustrial do Baixo Miño.

Feijóo concluíu apostando por unha Eurorrexión máis ampla, coa agregación de empresarios e universidades ás súas dinámicas; máis global, coa aposta pola lusofonía como vehículo de conexión coa Comunidade de países de Lingua Portuguesa; máis protagonista, transmitindo o papel esencial das rexións na Conferencia sobre o Futuro de Europa e máis extensa.

Sobre este último asunto, aseverou que as provincias da Coruña e Lugo deben continuar na área xeográfica do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza 2021-2027.

Compromiso dos gobernos portugués e español coa alta velocidade