jueves. 25.04.2024

A Xunta de Galicia vén de dirixirse ao Concello de Vigo para solicitarlle a posta á disposición dos terreos necesarios para executar os viarios, os espazos libres, zonas verdes e as infraestruturas (PS-1) do Campus Científico-Tecnolóxico proxectado nos terreos da antiga ETEA.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, dirixiuse por escrito á concelleira delegada da Área de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, para trasladarlle que a Xunta ten moi avanzada a redacción do proxecto construtivo correspondente á urbanización do ámbito PS-1 da antiga ETEA, correspondente coa área de vías, espazos libres e infraestruturas.

Menéndez apunta que, antes de poder licitar as obras, cómpre comprobar a dispoñibilidade dos terreos, polo que o Concello de Vigo, como titular do ámbito correspondente coa PS-1, debe remitir á Axencia Galega de Infraestruturas un documento que acredite a súa posta á disposición.

O Consello da Xunta aprobou o pasado mes de febreiro o proxecto sectorial do ámbito da PS-1 da antiga ETEA, un área de 20.000 metros cadrados reservado a albergar os espazos libres, as zonas verdes e todas as conexións do Campus Científico-Tecnolóxico do Mar, tanto as interiores como as que o enlazarán coa cidade de Vigo, concretamente co barrio de Teis.

Este é un dos proxectos sectoriais promovidos directamente polo Goberno galego nestes terreos e cumprirá unha importante función vertebradora entre todos os ámbitos que forman o futuro complexo. As obras que a Xunta prevé executar na PS-1 da ETEA supoñen un investimento de 7,13 millóns de euros, e sumaranse ás do PS-6 para un investimento conxunto de máis de 10 M€ en obras de urbanización.


O PS-1 abarca a vía de acceso á ETEA desde a avenida da Mariña Española, a praza de Beiramar e o seu peirao e a explanada anexa, ademais dos espazos colindantes á praia da Punta da Guía. O contorno está totalmente urbanizado e carece de edificacións, de forma que o desenvolvemento previsto se centrará na súa renovación e posta en valor.
Entre as principais obras a desenvolver de forma conxunta, está a da reurbanización da Praza de Armas, limitando o tráfico rodado, e a da Avenida Central para potenciar os percorridos peonís e executar unha nova galería soterrada pola que discorrerán as redes interiores de servizos (abastecemento, electricidade e gas) e o resto de canalizacións paralelas a ela (saneamento e gas).

Ademais, tamén se prevé acondicionar o acantilado e a súa explanada anexa, así como o espazo que rodea a praia da Punta da Guía.

Executar as conexións e espazos libres do Campus do Mar da ETEA