viernes. 29.03.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o reitor da Universidade do Minho e presidente da rede da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), Rui Vieira de Castro, asinaron este luns un protocolo para poñer en marcha o proxecto Stellae 5.0 Patrimonio dixital vinculado ao Camiño de Santiago, co que Galicia liderará na macrorrexión do sur de Europa a dixitalización do legado cultural e patrimonial da Ruta Xacobea.

Como expresou o conselleiro, trátase dunha colaboración “necesaria e especialmente oportuna” que suporá completar e reforzar o “esforzo continuado e sostido da Xunta de Galicia en favor da transformación dixital da sociedade e economía galegas”. Neste sentido, incidiu no carácter estratéxico deste novo proxecto xa que afonda nunha das maiores fortalezas de Galicia. “O Camiño de Santiago nos seus máis de 1.500 Km na nosa Comunidade marcará a folla de ruta e permitirá facer un traballo que contribúa ao liderado de Galicia neste eido no contexto europeo”, afirmou.

Román Rodríguez destacou o aval que supón a alianza coa Red CRUSOE, impulsora do proxecto e que é um grupo de referencia en materia de innovación, investigación e universidades integrada por 23 universidades e institutos politécnicos de España e Portugal, aos que agradeceu a súa iniciativa. Recordou, ademais, que Stellae 5.0 postularase como unha das primeiras iniciativas situadas no novo Edificio Fontán -no Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC)- reforzando o seu papel como novo centro xerador de coñecemento e impulsor do noso patrimônio.

'MEMORIA DIXITAL DE GALICIA'

Pola súa banda, a directora Amtega, Mar Pereira, lembrou que a Xunta desenvolve o proxecto Memoria Dixital de Galicia, que se alberga nas instalacións da Cidade da Cultura, co obxectivo de dixitalizar documentos e recursos e impulsar o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural, así como potenciar o patrimonio para actividades de investigación. O proxecto Stellae 5.0 forma parte deste proceso de concentración da memoria cultural e transición dixital dos recursos do patrimonio cultural vinculados ao Camiño de Santiago.

Neste contexto, a Xunta desenvolveu proxectos como a Nova Galiciana, que consta xa de máis de 1,7 millón de páxinas e ao redor de 175.000 obxectos dixitalizados, que é xa unha referencia no eido da difusión cultural e preservación do patrimonio. Galicia Nomeada, pola súa banda, difunde xunto coa Real Academia Galega máis de 509.000 topónimos e mantén unha canle aberta de participación cidadá que ten rexistradas xa máis de 2.000 persoas usuarias.

Potenciar unha Galicia máis aberta, accesible e interactiva a través do uso das tecnoloxías dixitais para o fomento do turismo e a dinamización do patrimonio e as produción cultural é un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030, no seu eixo Cultura e turismo intelixentes. Ademais de avanzar na dixitalización e conservación do patrimonio cultural na Memoria Dixital de Galicia, a Xunta incorporará as tendencias tecnolóxicas para a posta en valor do patrimonio cultural; impulsará unha experiencia dixital, diferencial e enriquecida vinculada ao consumo cultural e fortalecerá a industria cultural e creativa galega a través da creación de contidos e produtos innovadores.

FONDOS

O proxecto Stellae 5.0, que aspira a captar fondos europeos, aborda dun modo integral a preservación, difusión, valorización cultural e patrimonial, así como o impulso da transformación dixital da nova economía. Unha das principais características é que integrará á cidadanía e ás universidades na cadea de valor do patrimonio cultural como actores imprescindibles. Entre as accións previstas pola Rede CRUSOE inclúese o lanzamento do primeiro Máster Interuniversitario e internacional en Patrimonio Cultural Dixital, en colaboración cos sectores industriais e pymes autonómicas. Tamén se impulsará a creación dunha incubadora e aceleradora empresarial centrada no Patrimonio Cultural Dixital, entre outras accións.

Ao abeiro do protocolo asinado hoxe entre a Xunta e a Rede Crusoe involucrarase aos principais actores, universidades, institucións públicas, empresa privada, cidadanía e terceiro sector e convocarase ao tecido empresarial galego, educativo e asociativos a participar no proxecto. Constituirase unha comisión de coordinación e seguimento formada por dous representantes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dous representantes da Amtega e outros dous da Rede Crusoe, que determinarán os procedementos e criterios de execución das accións que se enmarcan no protocolo.

O proxecto Stellae 5.0 alíñase coas políticas europeas nacionais e autonómicas expresadas tanto pola Axenda Dixital Europea como na Estratexia Dixital Galicia 2030, esta última posta en marcha pola Xunta de Galicia para converter a nosa Comunidade como unha das rexións intelixentes europeas de referencia na dixitalización.

Cultura e turismo intelixente