O secretario Xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na Coruña no acto de presentación do novo volume da Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos do Instituto da Lingua Galega e publicada pola Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Xunta.

‘Atlas Lingüístico de Galicia’

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou este luns na Coruña na presentación do Atlas Lingüístico Galego (ALGa) VII: O ser humano (II), o novo volume da Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos desenvolvidos polo Instituto da Lingua Galega (ILG) co apoio da Xunta, e publicada pola Fundación Barrié e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). No acto, que contou coa presenza do presidente da Fundación, José María Arias; do reitor da USC, Antonio López, e do director do ILG, Xosé Luís Regueira, o secretario xeral destacou o papel divulgador e normalizador desta iniciativa.

Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a compilación presentada hoxe ten unha especial relevancia social, xa que pon o foco no léxico relacionado co ser humano e garante “á permanencia e difusión das palabras da vida cotiá, da contorna persoal máis próxima e coas que máis nos identificamos”.

MAPAS

Así, en 294 mapas recóllense máis de 4000 variantes de designacións relacionadas cos case 300 conceptos analizados, vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida social e certos oficios. Deste xeito complétase o labor realizado xa cun primeiro volume dedicado ao ser humano, daquela centrada en vocabulario relacionado co corpo e que viu a luz no ano 2006 como quinto da colección.

Anxo M. Lorenzo recoñeceu o esforzo do equipo investigador, formado polos profesores Rosario Álvarez Blanco, Francisco Dubert García e Xulio César Sousa Fernández, que, grazas a un extenso traballo de campo iniciado nos anos 70, contribúen a plasmar a riqueza léxica do galego. Ademais, agradeceulles á Fundación Barrié e á Universidade de Santiago a súa implicación coa divulgación do material que conforma “unha das obras máis relevantes da lingüística galega contemporánea”.

Cómpre sinalar que desde o seu primeiro volume, nos anos 90, o Atlas Lingüístico de Galicia afondou na morfoloxía verbal e non verbal, a fonética e o léxico. Xa a partir de 2003, os volumes comezaron a centrarse en termos relacionados con temáticas específicas, como o tempo atmosférico e cronolóxico, o ser humano, e no volume previo ao presentado hoxe, á terra, ás plantas e ás árbores.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada