No acto acompañaron á titular de Emprego e Igualdade, Esther Estévez, presentadora do espazo DígochoEu da TVG; Manuel Loureiro, escritor e avogado; Jorge López e Tatiana González, cofundadores da empresa Beflamboyant e premiados co galardón Talento Mozo Xunta 2020; Mari Carmen Villar, influencer en lingua de signos en YouTube; e Gabri Fuentes, presentador do espazo Menos dun minuto da TVG.

A Xunta impulsa a campaña #IgualdadeFollowers para reivindicar o papel da muller en Galicia

A Xunta e a Asociación de Periodistas de Galicia presentaron hoxe a campaña #IgualdadeFollowers coa que se pretende reivindicar o papel da muller en Galicia e concienciar á mocidade sobre a importancia de seguir loitando cara á igualdade real e efectiva da sociedade que, en palabras da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pasa pola educación das novas xeracións.

A titular do departamento autonómico presidiu hoxe no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, o acto de presentación desta iniciativa na que participan unha vintena de influencers e personaxes relevantes do mundo da música, o deporte, a cociña, as ciencias ou o emprendemento galego que coa súa testemuña agardan causar efecto para quen son referentes.

Lorenzana explicou que os medios de comunicación e as redes sociais resultan imprescindibles no labor de concienciación e serven de plataforma para denunciar inxustizas “á vez que guían á opinión pública e son tribuna desde a que crear conciencia social”, apuntou. Para a conselleira, é preciso seguir loitando contra a fenda salarial, o teito de cristal, a dobre discriminación por razón de xénero e de discapacidade, o acoso na rúa ou a falta de perspectiva de xénero. “Estou convencida que coas vosas reflexións estades axudando a mudar esta situación”, engadiu.

No acto de presentación participaron unha representación das personalidades que forman parte da campaña: Esther Estévez, presentadora do espazo DígochoEu da TVG; Manuel Loureiro, escritor e avogado; Jorge López e Tatiana González, cofundadores da empresa Beflamboyant e premiados co galardón Talento Mozo Xunta 2020; Mari Carmen Villar, influencer en lingua de signos do canle de YouTube Familia Vázquez; e Gabri Fuentes, presentador do espazo Menos dun minuto da TVG.

Ademais participan coas súas testemuñas Roi Méndez, cantante, guitarrista, actor e ex concursante de Operación Triunfo (OT) 2017; Teresa Portela, piragüista e campioa de 15 medallas en campionatos do mundo; Tamara Echegoyen, medalla de ouro de vela nos Xogos Olímpicos de Londres 2012; Borja Golán, campión de Europa de squash en Chequia 2016 e en Austria 2018; María Murnau, activista feminista, escritora e autora de Feminismo ilustrado e Diario dunha rebelde; Sabela Ramil, cantante, clarinetista e ex concursante de Operación Triunfo (OT) 2019; Susana Rodríguez, médica e campioa de triatlon nos Xogos Paralímpicos de Australia 2018; Borja López, xogador do circuíto mundial de padel (World Padel Tour); Sofía Toro, medalla de ouro de vela nos Xogos Olímpicos de Londres 2012; Erea Louro, influencer especializada en moda e creadora do blog All that she wants; Héctor Ares, xornalista especializado en motor e finalista do certame nacional Influencer Award 2020; Sara Donoso, crítica e comisaria de arte e premio Talento Xunta de Galicia 2020; Cristian Vidal, investigador, especialista en química orgánica sintética e premio Talento Mozo Xunta de Galicia 2020; e Iván Mariñas, finalista de Masterchef 8.

A conselleira de Emprego e Igualdade agarda que #IgualdadeFollowers contribúa ao avance cara a igualdade e ao chamamento da mocidade, xa que, segundo indicou, “ter referentes actuais e saudables nesta causa move á nosa mocidade cara o cambio de paradigmas que pretendemos para Galicia”. Para rematar, Lorenzana agradeceu á Asociación de Periodistas de Galicia o seu compromiso coa igualdade de xénero e o esforzo investido para que esta iniciativa saíra adiante.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada