jueves. 28.03.2024

O pleno da Corporación aprobou onte o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ponteareas. Trátase da aprobación provisional do PXOM, que agora debe ser refrendada pola Xunta de Galicia mediante a súa aprobación definitiva para a súa entrada en vigor. A administración autonómica dispón de tres meses para resolver dende o intre no que reciba o documento aprobado no día de onte.

A alcaldesa Cristina Fernández e a segunda tenente de alcaldes, Chus Garrote, amosáronse moi satisfeitas coa aprobación provisional do Plan e “confiadas en que esta será a definitiva. Estamos convencidas de que a Xunta de Galicia dará o seu visto bo ao PXOM e Ponteareas verá cumprido o seu obxectivo de contar cun plan urbanístico case 20 anos despois da suspensión das normas subsidiarias”. O Plan Xeral aprobouse cos votos a favor do goberno local (BNG e PSOE), a abstención do PP e o voto en contra de ACIP.

A socialista Chus Garrote salientou que “o goberno do BNG e PSOE herdou en 2015 un Concello paralizado urbanisticamente dende 2002. Fomos capaces de aprobar o plan en 2016, pero en 2017 a Xunta rexeitouno esixindo numerosos cambios. Atendemos o requirimento da Xunta en 2019, cunha nova aprobación, que de novo non satisfacía as esixencias da administración autonómica. Desta vez, a iniciativa do Concello, estableceuse unha coordinación entre os técnicos municipais e os da Xunta para asegurar que o documento responda as súas esixencias”. Garrote explicou que “os propios técnicos do concello confirman que o Plan aprobado onte atende todos os requirimentos da Xunta”.

Pola súa banda, a alcaldesa Cristina Fernández afirmou que “o Plan cumpre coa Lei e cos desexos da administración autonómica, polo tanto non hai máis escusas: o PXOM deberá ser aprobado pola Xunta de Galicia o antes posíbel. Ponteareas non pode permitirse un novo retraso”.

Cristina Fernández amosouse optimista cos efectos que terá o novo PXOM unha vez sexa aprobado pola Xunta. “Reactivará a nosa economía e a creación de emprego, atraerá investimentos de emprendedores ao novo solo industrial, garantirá os postos de traballo das actividades e instalacións empresarias sobre as que hoxe penden ameazas de demolición e peche, dará solución ao comercio e hostalaría que sen PXOM non podía legalizar a súa actividade e dará para o Concello terreos para novos equipamentos deportivos, sanitarios, educativos ademais de proporcionarnos espazos públicos como parques ou aparcadoiros”, salientou a rexedora nacionalista.

Aprobación provisional do PXOM ponteareán