jueves. 25.04.2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, presentou esta mañá no Concello de Ponteareas a primeira Área de Rehabilitación Integral (ARI) do municipio e animou á administración local e aos propietarios de inmobles da zona beneficiaria a concorrer ás axudas desta iniciativa “para recuperar vivendas e espazos e favorecer a dinamización e posta en valor do casco vello dunha vila tan poboada e importante da comunidade galega”.

O representante autonómico, acompañado pola alcaldesa, Cristina Fernández, explicou que a ARI decretada en Ponteareas ten unha superficie de case dez hectáreas que abrangue a contorna das prazas Maior e da Bugallal, polo que se inclúe todo o casco vello e algunhas edificacións próximas.

En total , a área definida ten 518 vivendas pertencentes a 74 edificios de diversas alturas e 133 casas unifamiliares, que requiren dalgún tipo de intervención para a súa recuperación, xa que detectouse, principalmente no casco vello como asentamento orixinal da vila, certo grao de degradación e problemas de conservación.

A ARI de Ponteareas podería chegar a mobilizar ata preto de 51 millóns de euros, que se distribúen en 45,89 millóns para a rehabilitación residencial necesaria nas máis de medio de milleiro de vivendas e outros 4,9 millóns para as obras de reurbanización precisas para completar a recuperación deste espazo. En base aos importes máximos das axudas dispoñibles, Ponteareas podería recibir nos vindeiros anos ata 12,4 millóns de euros en achegas públicas para recuperar as 500 vivendas e a súa contorna.

“Temos declaradas 75 áreas de rehabilitación en 44 concellos de toda Galicia e Ponteareas, pola súa importancia e pola situación na que se atopa o seu casco vello, vén de ser incluída, xa que a Xunta quere impulsar a súa dinamización e posta en valor, especialmente no eido patrimonial, arquitectónico e residencial”, manifestou Luis López, que concretou que, ademais das vivendas, a ARI de Ponteareas inclúe 21 edificios de equipamentos e outros usos e que está previsto que se primen as intervencións sobre inmobles con fronte á praza Maior, á Praza da Bugallal e ás rúas Esperanza e Oriente, que conectan ambas.

CONVOCATORIA ARI

Esta actuación enmárcase na nova convocatoria 2021 das ARI, que prevé un orzamento de ata 10,2 millóns de euros para apostar pola rexeneración urbana e rural cunha partida de arranque de 5,4 millóns que poderá ampliarse en 4,8 millóns máis se as peticións cursadas polos concellos, como intermediarios do programa, superan o crédito inicial.
As solicitudes, que poderán presentarse ata o vindeiro 17 de xullo nos 44 concellos beneficiarios, poden reportar axudas por un importe máximo de 24.000 euros para os propietarios de cada vivenda sempre que non supere o 50% do orzamento de rehabilitación. Ademais, a achega poderá alcanzar ata o 85% no caso de persoas con ingresos inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia hai persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

Así mesmo, os concellos tamén poderán beneficiarse destas subvenciuóns para urbanizacións ou reurbanizacións de espazos públicos inmersos no ámbito territorial das ARI, aínda que están supeditadas á rehabilitación dos inmobles da zona, recibindo un importe de 2.000 euros por cada vivenda restaurada. Paralelamente, os concellos tamén contarán con financiamento da Xunta para a oficina municipal de rehabilitación con axudas de 1.500 euros por vivenda.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa conseguiu mobilizar 185 millóns de euros desde a posta en marcha deste programa e promoveu a rehabilitación de 18.500 vivendas en toda a comunidade.

Primeira área de rehabilitación integral de Ponteareas