viernes. 29.03.2024

As mozas e mozos galegos poderán activar o Carné Xove tamén por vía electrónica. A Xunta de Galicia habilitará un formulario na rede para que aqueles que reciben a tarxeta por primeira vez e non poden desprazarse para activala, poidan facelo desde a súa casa. De igual xeito, os 36 puntos de activación presenciais seguirán dispoñibles.

A Xunta de Galicia está a enviar aos máis de 400.000 mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos esta tarxeta de xeito gratuíto aos seus fogares. Aqueles que con anterioridade ao envío xa tiveran o carné, simplemente recibirán un novo coa imaxe actualizada da tarxeta e xa estará listo para utilizar. Aqueles que non tiñan Carné Xove deberán activalo, ben nalgún dos 36 puntos habilitados en toda a Comunidade ou ben por vía electrónica.

Se a activación se fai a través da rede, a partir das 12.00 horas do vindeiro luns habilitarase na web de Xuventude un formulario no que os novos usuarios terán que cubrir os seus datos. No paso duns días recibirán o código de identificación EYCA (European Youth Card) ao correo electrónico de referencia. Unha vez recibido, deberase anotar o código manualmente na tarxeta, en concreto, no apartado número de carné.

É preciso destacar que este número de identificación, persoal, é necesario para desfrutar das vantaxes que ofrece este carné tanto na comunidade galega como en España ou nos resto de países da Unión Europea.

BARBANZA

As oficinas municipais de información xuvenil (OMIX) de Boiro, Ribeira e Muros recollerán os canés xove dos seus veciños e dos municipios da súa contorna para realizar o proceso de activación no Espazo Xove de Noia sen ter que pedir cita previa. Logo de activalos devolverase os carnés aos concellos para que cada usuario poida recollelos.

Activar o Carné Xove por vía electrónica