A intervención do Consorcio de Santiago na capela da Corticela “salva” a armadura de cuberta de madeira instalada por Pons Sorolla hai sesenta anos.

A capela da Corticela restaurada

O Consorcio de Santiago continúa o labor de rehabilitación de monumentos e espazos singulares. A capela da Corticela, historicamente exenta da Catedral, foi obxecto dunha intervención na que destaca a restauración da armadura de cuberta de madeira, obra do arquitecto-conservador Francisco Pons Sorolla nos anos sesenta. “O que empezou sendo unha intervención simple para eliminar pingueiras complicouse polos danos detectados unha vez comezada a obra, pero, por fortuna, fomos quen de salvar esa estrutura de carballo, reforzando algunhas vigas e incorporando canzorros nos muros onde se asentan os tirantes de madeira. Tamén se eliminaron os recrecidos de morteiro de cemento que tanto prexudicaron a estrutura de madeira facilitando o ataque da couza”, segundo explica o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Ángel Panero, que agradece a implicación da Dirección Xeral de Patrimonio para completar a obra.

Traballos de limpeza dos paramentos da fábrica granítica, eliminación de recrecidos de formigón, reparación de carpinterías metálicas e unha nova instalación eléctrica, así como a restauración de elementos de valor artístico e patrimonial, completan a intervención interior na que tamén se reordenou o altar e se instalou unha porta nova de castiñeiro, deseñada por Panero, entre outras operacións.

Ademais, repúxose a cuberta exterior con tella cerámica: “A finalidade era lograr unha cuberta lixeira e ventilada que garantise unha maior estanquidade e mellor conservación da armadura de madeira. Coa substitución do betume de xudea co que Pons Sorolla tratara a madeira da cuberta por unha pintura mineral vermella, cremos que a Capela gañou en luminosidade. Así que paga a pena visitala e descubrir unha Corticela máis clara e funcional, con novos bancos para o culto deseñados pola Oficina Técnica da Fundación Catedral”, tal como explica o arquitecto responsable do proxecto no que o Consorcio investiu arredor de 155.000 euros.

Santa María a Antiga da Corticela, cuxa parroquia atende hoxe o cóengo Salvador Domato, presta asistencia espiritual aos foráneos que chegan á cidade compostelá. Mantense a tradición universitaria de depositaren os estudantes os seus desexos, particularmente en época de exames, ante a imaxe de Xesús no Horto das Oliveiras. Á Corticela tamén acoden peregrinos de todos os países.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada