sábado. 20.04.2024

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, un curso de posgrao recoñecido como título propio pola Universidade de Santiago que naceu hai dez anos como unha experiencia pioneira en España. Diríxese aos que remataron os seus estudos musicais e buscan integrarse nunha orquestra profesional. Como colofón ao ano académico, varios alumnos do centro, seleccionados polo seu nivel de excelencia, participan como solistas nun concerto coa Real Filharmonía de Galicia.

O concerto desta edición celebrarase este xoves, 3 de xuño, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia. A entrada é gratuíta ata completar o aforo, aínda que cómpre retirar invitación, que se realizará de xeito preferente a través de www.compostelacultura.gal. Tamén se poden adquirir no despacho de billetes da Zona C - Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas, e os domingos de 11 a 14 horas); ou no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o mesmo día do concerto desde 1 hora e media antes do inicio do mesmo.

A Escola e a orquestra conforman un proxecto musical único, xa que os profesores instrumentais da EAEM proceden da Real Filharmonía de Galicia, coa que os alumnos participan nos seus concertos ao longo de toda a temporada. Nesta ocasión os músicos estarán dirixidos polo mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da RFG e da Escola.

DIFERENTES ÉPOCAS Y ESTILOS

Os sete alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais seleccionados para participar como solistas neste concerto de fin de curso coa Real Filharmonía de Galicia son o frautista Henrique Medeiros, o violinista Manuel Muñoz, o trompista Miguel Linares, a violoncellista Clara Martínez, o violinista Matthias Emmerink, o oboísta Luca Tognon e o clarinetista Bernardino Assunçao.

Cada un deles protagonizará unha obra para o seu instrumento, de diferentes épocas e estilos. Tocarán pezas completas ou fragmentos do Andante en Do, Rondó en Do e Concerto para violín nº 4 de Mozart, Concerto para trompa nº 1 de Richard Strauss, Suite para violoncello e orquestra de Camille Saint-Saëns, Fantasía en Do de Robert Schumann, Idilio para óboe en La de Wolf-Ferrari e Fantasía de concerto para clarinete sobre temas da ópera Rigoletto de Luigi Bassi.

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais tocarán como solistas coa Real Filharmonía...