O mozo da última fila é unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística.

Este sábado 29, as 20.00 h. e o domingo 30, ás 18.00 h
‘O mozo da última fila’, de Redrum

O Centro Dramático Galego (CDG) pecha esta fin de semana a temporada de exhibición no Salón Teatro de Santiago de Compostela cos espectáculos O mozo da última fila, de Redrum Teatro, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste. As representacións terán lugar o sábado 29, as 20.00 h. e o domingo 30, ás 18.00 h., respectivamente. As entradas xa se poden adquirir a través de ataquilla.com e estarán tamén á venda nos despacho de billetes o mesmo día de cada sesión, desde dúas horas antes do seu comezo.

Dirixida por Alex Sampaio a partir dunha dramaturxia de Juan Mayorga, O mozo da última fila é unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística. Guillermo Carbajo, Belén Constenla, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Machi Salgado conforman o elenco desta peza ao redor de Claudio, un estudante que senta na última fila e que non destaca ata que o seu profesor de Lingua e Literatura manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. Entón, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros, nun relato compartido entre discípulo e mestre que se converte nun xogo cada vez máis perigoso.

Pola súa banda e como explica a propia compañía, As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír os maiores en institucións que os atendan. Nunha desas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Con Eduardo Alonso como autor e director, e interpretada por Luma Gómez, Elina Luaces, Amalia Gómez, Inma António, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González, a obra é unha homenaxe, se cadra algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos.

ACTIVIDADE

Deste xeito, a unidade teatral da Xunta de Galicia despide a temporada de programación na súa sede, na que, a pesar das restricións nos eventos con público derivadas da covid-19, non cesou a actividade dinamizadora do sector teatral galego. Así, representáronse dúas das tres producións propias previstas para este ano, O charco de Ulises e Terceiro acto. A maiores, o Salón Teatro acolleu o programa Residencias cruzadas nos meses de febreiro e marzo, nos que os espazos teatrais estiveron pechados ao público por mor da pandemia.

Desde a sede do CDG estase a desenvolver tamén o programa de visitas en liña para centros escolares Coñece os segredos do Salón Teatro, entre outras iniciativas, e xa fóra de temporada, acollerá entre o 7 e o 10 de xuño distintas representacións escénicas para axentes culturais acreditados en Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación de compañías Escena Galega.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada