viernes. 29.03.2024

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo das Peregrinacións e de Santiago serán algunhas das sedes do Festival Performativo Plataforma 2021 que arrinca este mércores en Santiago de Compostela e que ofrecerá preto dunha trintena de propostas culturais ata o 5 de xuño. Trátase dunha iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia, en cuxa presentación participou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Como expresou, trátase dunha proposta “especialmente simbólica” porque volve celebrarse cando a cultura “se está a consolidar como máis necesaria que nunca e cando está a ser fundamental crear pontes para contribuír a que os profesionais do sector continúen traballando e compartindo o seu traballo co público de xeito seguro”. Neste sentido, sinalou a importancia de que este festival mesture as artes visuais, escénicas, literatura, arquitectura e deseño e tamén descentralice as súas localizacións apostando por “espazos e enclaves singulares de elevado valor paisaxístico ou cultural”, engadiu.

Así, ao longo de dúas semanas, daranse cita preto dunha trintena de propostas culturais, que comezarán mañá no Museo das Peregrinacións e de Santiago coas conversas organizadas cos creadores Verónica Moar e Álvaro Valiño sobre deseño performativo. O Festival Plataforma traerá tamén á coreógrafa, bailarina e artista visual La Ribot, que ofrecerá a súa visión sobre a danza contemporánea nun novo formato coreográfico Las piezas distinguidas. Poderá verse o 1 de xuño no CGAC e se completará cunha conversa coa artista ese mesmo día.

O CGAC acollerá tamén en estrea absoluta a proposta artística da bailarina e creadora galega Janet Novás Where is Janet? o venres 28 e o sábado 29 de maio e a programación do Festival inclúe así mesmo a exposición Accións peregrinas que recompila algunha das instalacións paradigmáticas da artista Pilar Albarracín.

EXPOSICIÓNS E CONCERTOS

Ademais de nestes museos, tamén se celebrarán concertos, performance e exposicións en espazos como a praza do Obradoiro e a praza da Quintana, o parque de Belvís e o parque de Bonaval, a praza de Mazarelos e a praza de San Martiño Pinario, a Facultade de Xeografía e Historia e a Igrexa da Universidade.

En conxunto, contarase coa participación de artistas como Mariana Tegner Barros. Janet Novàs, Mar Ramón + Da Rocha, Félix Fernández, Mónica Mura, Fundación DIDAC, Lara Dopazo Ruibal, Vacaburra, Vasco Araújo, Pilar Albarracín, Marta Verde+ DJ, Anacos. Estarán abandeirados, entre outros por contribucióins como La Ribot, Christian García Bello, Mirar o son, Manuel Eirís, Juan López e a banda municipal de Compostela, Cabello /Carceler, Paula Quintás, Berio Molina e Alejandra Pombo, Orquestra Galega de Liberación, Olalla Cociña, Menina arroutada, Marta Fernández Calvo, Pablo Fidalgo, Vertixe Sonora, María Roja, Lar Legido. Cenlitrosmetroscadrado, María Ramos, Adriana Pazos Ottón.

O festival Plataforma de artes performativas celebra así a súa segunda edición. É un proxecto de Performa, Sociedade Cooperativa Galega que producen conxuntamente a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela e no que colaboran a Fundación María José Jove, a Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación da Coruña. A programación completa pode consultarse na web www.plataforma.gal.

Festival Plataforma 2021