jueves. 25.04.2024

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rexistrar na aplicación informática do Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster para as universidades galegas cara o curso académico 2021/2022, unha oferta que foi consensuada coas vicerreitorías de Titulacións das tres universidades galegas en reunións celebradas nas últimas semanas, e que será oficial unha vez que sexa ratificada formalmente nas vindeiras semanas pola Conferencia General de Política Universitaria.

Como principais novidades, o Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorporará o vindeiro curso dous novos títulos de grao da rama de Humanidades e catro novos mestrados universitarios. En total ofertaranse 11.550 prazas en titulacións de grao (67 máis ca no actual curso) e 5.162 nas de máster (11 máis ca este ano académico).

NOVAS TITULACIÓNS

A oferta de prazas rexistrada no Ministerio inclúe dous novos títulos de grao na rama de Humanidades, un para a Universidade de Santiago de Compostela e outro na Universidade de Vigo. Así pois, a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo (USC) ofertará o vindeiro curso o grao en Xestión Cultural, con 45 prazas a razón de 25 na modalidade presencial e 20 na semipresencial. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.

O outro de nova oferta é o grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española, que se impartirá na Facultade de Filoloxía e Tradución do Campus de Vigo (UVigo). Neste caso ofértanse 50 prazas e o grao contará con dúas especialidades ou mencións, que son a Mención galego e a Mención español. A impartición deste grao inicia o proceso de extinción do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios no mesmo campus e centro.

MESTRADOS

Así mesmo, os estudantes poderán cursar catro novas titulacións de máster nas universidades do Sistema Público Galego o vindeiro curso. Trátase do máster universitario en Desafíos das Cidades Atlánticas −conxunto entre a UDC, a USC, a UVigo−, e as universidades portuguesas de Minho, de Porto e de Trás-os-Montes e Alto Douro, con seis prazas por universidade; o máster universitario en Dereito Transnacional da empresa e das Tecnoloxías Dixitais, tamén conxunto entre a USC (10 prazas) e a Universidade do Minho (20 prazas); o máster universitario conxunto Erasmus Mundus en Sostenibilidade e Industrial 4.0 aplicada ao sector marítimo (con 27 prazas no Campus de Ferrol, UDC), e o máster interuniversitario en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política, como nova proposta da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC (campus de Santiago) con 35 prazas.

MODIFICACIÓNS

Entre outras modificacións, os graos existentes que aumentan a súa oferta son os graos de Enfermaría nas tres universidades (que suman 12 prazas máis na UDC, 2 na USC e 17 na UVigo); e os graos en Enxeñaría Informática con 24 prazas mais na UDC (Campus A Coruña) e 25 máis na UVigo (Campus Ourense).

Por outra banda, outras titulacións de grao diminúen a súa oferta debido á sobreoferta estrutural no sistema universitario, como é o caso do Grao en Enxeñería mecánica da UDC (Campus Ferrol) con 5 prazas menos, e o grao en Administración e dirección de Empresas da USC (Campus Lugo) con 10 prazas menos.

Respecto aos mestrados, deixan de ofertar prazas o máster en Márketing, Consultoría e Comunicación Política na USC (ao ser absorbido polo máster en Tecnoloxías en Márketing e Comunicación Política de nova oferta); o máster en Asesoramento Xurídico empresarial debido á baixa demanda; e o máster en Enxeñaría da Auga, por non obter a renovación da acreditación, ambos os dous no Campus da Coruña (UDC).

O Sistema Universitario galego incorpora dous novos títulos de grao e catro novos...