jueves. 28.03.2024

O Goberno galego abre o prazo para a terceira edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores, que buscan recoñecer a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia que fai posible unha Administración pública máis eficiente e moderna. Establécense agora dous meses para a recepción das solicitudes e poderá presentarse todo o persoal funcionario e laboral pertencente á Administración xeral da Comunidade autónoma, ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e ás universidades públicas galegas.

Dentro desta iniciativa, posta en marcha desde a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), establécense dúas convocatorias: identificación de oportunidades e proxecto con temática máis innovadora. No primeiro caso, as propostas deberán detallar e definir unha problemática no servizo que prestan á cidadanía, así como as razóns que motivan a necesidade de interese que tería a resolución da mesma. Na segunda modalidade distinguiranse proxectos innovadores, xa realizados ou en curso, e os candidatos terán que detallar o proceso da iniciativa, expoñer os puntos considerados fundamentais e xustificar as características que lle outorgan un carácter innovador.

As propostas serán estudadas por un comité de expertos, formado por un avaliador do Departamento de Xestión da Innovación, unha persoa de ámbito galego comprometida coa innovación na administración e unha persoa do eido nacional vinculada á promoción da innovación desde a demanda.

Entre os criterios de valoración destacan o interese da oportunidade identificada e a relevancia segundo o contexto; a orixinalidade na presentación; o impacto e efecto dinamizador ou a posibilidade de levala á realidade, no caso da modalidade de identificación de oportunidades. Para o proxecto coa temática máis innovadora teranse en conta os avances da proposta fronte a outras solucións; a orixinalidade; a replicabilidade; ademais do impacto ou a calidade, capacidade e compromiso do equipo técnico e promotor.

ATA 3.000 EUROS

Os premios serán de 2000 euros no caso de que os gañadores presentaran o proxecto de xeito individual, e de 3000 euros nos proxectos que fosen presentados por equipos de ata tres persoas. Ademais, a concesión destes premios incluirase entre os criterios de avaliación para o seu recoñecemento na carreira profesional.

O ano pasado presentáronse un total de 35 propostas e foron distinguidas unha iniciativa de Augas de Galicia –Innovaugas 4.0: Xestión avanzada dos recursos hídricos galegos, un proxecto de compra pública de innovación para a xestión integrada e avanzada das augas–; e outra do Laboratorio de Consumo de Galicia –Busca da excelencia na vixilancia do mercado: Aplicación Cebra, unha aplicación móbil para axilizar o traballo de vixilancia do mercado tanto na fase de inspección como de análise–.

Estes premios son unha das actuacións recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI), cuxo obxectivo é consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación de novas solucións e produtos por parte da Administración. Co convencemento de que son as persoas as que constrúen a innovación nas organizacións, esta iniciativa xorde co obxectivo de motivar, sensibilizar e incentivar aos empregados públicos que participan de forma activa nos diferentes procesos da innovación.

Buscase así, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, amosar as boas prácticas no ámbito da innovación para que sirvan de exemplo e inspiración ao tecido empresarial e aos profesionais e, en xeral, ao conxunto da sociedade galega, poñendo de relevo como a innovación é esencial para aumentar a competitividade empresarial e a calidade de vida das persoas.

Premio Empregado Público Innovador