jueves. 25.04.2024

O Centro de Interpretación do río Tea (CITEA) acolleu unha mesa redonda que serviu como presentación do proxecto CON_CIENCIA_TEA, posto en marcha pola concellaría de Medio Ambiente de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo.

O obxectivo principal desta xornada foi dar a coñecer nos distintos ámbitos implicados o proxecto CON_CIENCIA_TEA, unha iniciativa de ciencia cidadá cuxo obxectivo principal é mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e do hábitat prioritario para a conservación do bosque de ribeira na ZEC Río Tea, así como as especies autóctonas cun grao maior de ameaza, en especial os morcegos forestais, os narcisos endémicos e as especies de libeliñas que teñen no río Tea algunhas das súas escasas poboacións.

Neste encontro presentouse o traballo de investigación do biólogo Hugo Martínez Cordeiro, realizado sobre os mamíferos do río Tea en base ao fototrampeo. Ademais, as e os participantes visitaron os novos paneis interpretativos interactivos da senda fluvial que vai dende o CITEA ata a Praia Fluvial das Pías, que tratan a importancia dos bosque de ribeira e das principais especies de narcisos, morcegos e libeliñas do espazo natural. Estes traballos teñen sido desenvolvidos pola empresa especializada Ecoplanin, Xestión e Información Ambiental.

As accións que se desenvolven en torno a este proxecto, financiado con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, buscan a participación da cidadanía para a divulgación e conservación do medio natural vinculado ao río Tea.

CON_CIENCIA_TEA