jueves. 18.04.2024

A Concellaría de Cultura de Ponteareas, que dirixe Fernando Groba, abre a convocatoria para os VI Xogos Florais. Un certame de poesía, no que os e as participantes se dividen en tres categorías: infantil, de 9 a 13 anos; xuvenil, de 14 a 18 anos e adultos, maiores de 18 anos.

As bases, que se poden consultar na pestana “bases cultura” do sitio web do Concello de Ponteareas  ( https://ponteareas.gal/servizos/cultura/bases-cultura/ ), estabelecen que os textos deberán ser orixinais e inéditos, estar escritos en lingua galega e ser de tema libre.

A extensión mínima dos poemas será de 14 versos e a máxima de 40 e só se admitirá un poema por participante.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo até o vindeiro 30 de abril para entregar, quer presencialmente na biblioteca municipal (rúa Perillana, 11), quer a través do enderezo electrónico [email protected], os seus respectivos poemas.

O xurado encargado de valoralos estará presidido pola alcaldía ou persoa en quen delegue, e integrado por outras tres persoas vinculadas á literatura galega, ademais dunha persoa traballadora da Concellaría de Cultura, que actuará como secretaria con voz e sen voto. As súas deliberacións serán secretas e delas estenderase a acta correspondente. A súa decisión farase pública con antelación á celebración do Día das Letras Galegas. Os poemas premiados e aqueles que obtiveren o accésit serán publicados nun libro para a súa posterior difusión entre os centros de ensino e público en xeral.

“Iniciamos este nova edición deste certame, a sexta xa, para potenciar e apoiar a creación da poesía entre a veciñanza e difundir a súa actividade creativa” sinala Fernando Groba Bouza, Concelleiro de Cultura. “Que Ponteareas é unha terra de escritoras e escritores está máis ca demostrado na nosa historia da literatura. Neste caso, o que facemos é, simplemente, crear posibilidades e espazos de convivencia entre voces consolidadas e outras novas que veñen, con moita forza, pedindo paso para seren tamén escoitadas”, engadiu.

Ponteareas, en modo poesía