miércoles. 24.04.2024

Despois do éxito obtido cos lanzamentos dos tres sinxelos: 'Axendados', 'Camiñares' e 'Alalá Meigo' (todos disponibles nas plataformas dixitais), Andrea Pousa pre-estrea en Tui o seu segundo álbum en solitario 'Retorno'.

Pousa pre-estrea o seu segundo álbum en solitario 'Retorno'.

Andrea Pousa emprende esta nova andadura cun novo traballo discográfico titulado 'Retorno'. É a liña máis modernista do seu traballo ata agora. Un traballo que conecta a orixe coa actualidade e que pasa por fusións de diferentes estilos de música máis urbana, onde se mesturan novas sonoridades con elementos do folclore galego e portugués.

Andrea Pousa ten moita influencia de Portugal, á cal está ligada polas súas orixes, e neste proxecto está máis presente ca nunca.

Andrea Pousa compón gran parte das letras e melodías que conforman o álbum, baixo a produción do compositor e pianista portugués Paulo Borges. Un repertorio que se completa con composicións propias e con letras doutros autores e autoras, tanto de Galicia coma de Portugal.

Este traballo non só está influenciado pola tradición musical ibérica, como a música galega ou o fado, senón tamén por sons do pop, da música electrónica, da música latina, de países lusófonos…como Cabo Verde, Angola, Mozambique…

“A felicidade non está nos demáis ou nun lugar en concreto, está nun mesmo”.

Andrea Pousa canta neste álbum nos tres idiomas, en galego, portugués e castelán. As súas letras están inspiradas en cousas cotidianas da vida, en autocríticas, en amor e desamor, e no amor propio ou no respecto.

O concerto en directo invita a viaxar a través das melodías e da evolución sonora, a percorrer diferentes países polo fío que conecta ao mundo, a música. O idioma universal que nos fai sentir emocións e vivir experiencias únicas máis alá das fronteiras e alén dos mares. Innovador, moderno, minimal pero con moito carácter, emocional, interactivo coa xente, cancións profundas e cancións máis desenfadadas, así é Retorno.

O Concerto conta con un grupo de baile contemporáneo composto por 6 bailarinas, videocreación e 4 músicos en directo (Miguel Queixas, batería, Diego Mosquera, guitarra, Rafa Morales, baixo eléctrico e o director musical aos teclados Xabier Vaz).

Que ten Tui para Andrea de especial ?

Para min Tui é moi especial porque é unha cidade que me viu crecer profesionalmente, fun membro da Coral de Música Moderna de Tui, con 14 anos, sendo soprano solista. Ensaiábamos todos os sábados polas mañás na Casa da Xuventude e actuamos en diferentes parroquias de Tui. Por outro lado, a Radio Municipal de Tui sempre foi un apoio moi importante nos meus primeiros anos como solista, onde saia a miña música bastante a menudo, con entrevistas e promoción desinteresada. Un apoio fundamental por parte de Kiko Carballo, grande amigo e mellor persoa, a cal sempre está ahí para o que faga falta.

Que vai ver o público neste concerto?

Para empezar, trátase da pre-estrea do meu segundo álbum en solitario 'Retorno', escoitarase por primeira vez todo o disco e algunhas cancións do anterior disco 'Respirar'. Un espectáculo completamente novo co que conto co arroupo de 4 pedazos de músicos en escena e o meu grupo de bailarinas que darán moito xogo no escenario. Tamén, un dato a ter en conta é que o espectáculo contén videocreación con diferentes pantallas que enriquecerán aínda máis a posta en escena. Un traballo ideado por Xavier Velho.

“A vida é cuestión de actitude e pode ser realmente marabillosa, só se ti queres”.

Sen dúbida, é un espectáculo moi completo, totalmente estudiado, con estilismos pensados e creados para o mesmo por Antía Caride. Pero, ao mesmo tempo trátase dun espectáculo natural e fresco, que sorprenderá moito e dará moito que falar. Son moitos anos de traballo e de esforzo que levo ás miñas espaldas pero, cando vexo o resultado sobre o escenario doume conta que paga a pena o sacrificio.

Son épocas difíciles pero, temos moito que dar e para dar. Os artistas non podemos deixar de crear e de ofrecer arte, porque o mundo morrería de pena e de soidade. Imaxinade un día sen música! Sería un día insípido e triste…Canto máis triste sexa a situación, máis temos que invertir en alegría, polo que será unha velada única e irrepetible! Non deixedes de vir!

Portugal está moi presente neste traballo non?

Efectivamente, como raiana que son, Portugal está moi dentro de min. Sendo portugués o productor musical Paulo Borges co que compuxen todos os temas do disco. Un traballo entre Galicia e Portugal con influencias das dúas marxes.

Unha mágoa que as 'fronteiras' estean pechadas e que os nosos irmaos non poidan disfrutar deste concerto.

Noraboa polos éxitos acados en América!

Moitas grazas, a verdade é que foi todo un soño (México, Argentina, EEUU…), sobre todo México, os tres sinxelos foron estreados alí con moitísima acollida, onde me deron moitísimos minutos en prime-time a nivel nacional, con entrevistas e publicando os videoclips enteiros, onde se cantou e falou en galego, poñendo a Galicia no lugar que lle corresponde, sen ningún tipo de complexos e inferioridades. Estou moi orgullosa de mostrar a nosa riqueza fora do país e que teña tan boa acollida.

Cando sae os disco a venda?

Este mes sae a venda física e dixitalmente en todas as plataformas. Sairá acompañado de 'Atrapados' o cuarto sinxelo do disco, unha autocrítica sobre as redes sociais, da superficialidade na que estamos imersos.

“As barreiras e fronteiras son metas que temos que pasar de largo”.

TRAXECTORIA DE ANDREA POUSA:
Cantante e actriz nace na raia entre Tomiño (Pontevedra) e Portugal. Dende moi pequena xa sembraba dotes cantando como artista solista en diferentes eventos do Baixo Miño e gañando festivais de canto. Aos 15 anos foi seleccionada como unha das voces femininas de Galicia no Festival da Canción. Tamén, participou no proxecto educativo “Ponte nas Ondas” para a divulgación do Patrimonio Cultural Galego-Portugués.

Dende 2004 ata 2014 foi parte da Asociación de Artistas Vocálitis no grupo 'Sueño de Calíope' e recibe clases de canto e interpretación do Maestro e Tenor José Pérez.

En 2014 funda xunto ao actor Bruxo Queiman a súa propia compañía e productora de espectáculos 'Queiman e Pousa' coa que percorre o mundo, baixo o lema de “Comprometidos coa Cultura Atlántica”. Actuando en países como México, Arxentina, Uruguai, Inglaterra, Irlanda, Alemaña, Suiza ou Italia.

Complementa a súa carreira de cantante coa de actriz, sendo unha das artistas principais da obra teatro circense “Cenerentolla” da compañía “La Fiesta escénica”, actuando no Auditorium della Conciliazione do Vaticano en Roma ou no Teatro Nazionale de Milán.

En outubro de 2016, foi a cantante encargada de interpretar o Himno de Galicia no Estadio de Balaídos, no derbi galego Celta de Vigo – Deportivo da Coruña. Co que realiza un traballo audiovisual e documental, baixo o selo da súa compañía “O Himno por Andrea Pousa”.

En outubro de 2017, lanza o seu primeiro álbum en solitario «RESPIRAR», baixo a dirección do compositor, músico e productor musical Nani García.

En maio de 2019, debuta no cine formando parte do elenco da película americana «El niño
Dios», con actores como Fernando Allende, Juan Soler, Horacio Pancheri, Eugenio Siller, Malena Ratner, Lucía Jiménez…

Actualmente, atópase a piques de sacar o seu segundo traballo discográfico 'Retorno' entre Galicia e Portugal. Un disco máis persoal onde compón prácticamente todas as letras e melodías co apoio do músico e compositor Paulo Borges

Andrea Pousa pre-estrea 'Retorno' en Tui