jueves. 28.03.2024

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na presentación da Semana Santa de Ferrol o atractivo desta celebración para impulsar o sector turístico e como polo de atracción de viaxeiros en canto a situación sanitaria o permita. Así, sinalou que esta experiencia permite descubrir Galicia e, en concreto, a súa oferta cultural e lugares con grandes recursos turísticos.

A Semana Santa de Ferrol está recoñecida desde 2014 como Festa de Interese Turístico Internacional, xunto á de Viveiro. Ademais, en Galicia contamos con outras 7 celebracións de Semana Santa recoñecidas como Festas de Interese Turístico de Galicia: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela, e a Semana Santa de Lugo.

A Xunta mantén o seu compromiso coas celebracións da comunidade pola súa capacidade para potenciar os valores que diferencian a Galicia como destino turístico. No caso das declaradas de interese turístico reciben ademais apoio económico por parte do Goberno galego para colaborar na súa difusión. No caso da Semana Santa de Ferrol, cunha achega anual de 40.000 euros, que o ano pasado quedou en suspenso e que este ano materializase a través dun patrocinio por importe de algo máis de 18.000 euros.

Segundo destacou Alfonso Rueda, a Semana Santa de Ferrol destaca pola súa relevancia e singularidade, tanto polo número de procesións como pola implicación das súas cinco confrarías e da cidadanía, o que repercute na imaxe da cidade e no seu atractivo como destino turístico. Nesta liña, destacou que pese a que este ano as restricións pola pandemia non permitan realizar as tradicionais procesións, espera que en canto sexa posible esta celebración poida recuperar o seu esplendor.

Deste xeito, sinalou que a Xunta traballa para ter todo listo para recibir a turistas e peregrinos cando a evolución da covid-19 o permita, con proxectos como a construción dun novo albergue na Casa do Mar de Ferrol para acoller aos camiñantes que realicen a ruta do Camiño Inglés.

Semana Santa de Ferrol, un evento con capacidade para potenciar os valores que...