sábado. 20.04.2024

A Xunta traballa, en colaboración co sector turístico e coas universidades galegas, no deseño do futuro modelo turístico galego, que se baseará na sustentabilidade e na calidade. Con ese obxectivo, a Administración autonómica vén de poñer en marcha Turislab, a primeira aceleradora galega especializada no sector do turismo.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a presentación desta iniciativa, que pretende ser unha rede de recursos innovadores e de alto impacto especializada no turismo sostible e de calidade. Nun acto ao que asistiu tamén a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, a Xunta reafirmou o seu compromiso cun sector que pode ser clave na recuperación económica de Galicia logo da pandemia.

Alfonso Rueda indicou que “aqueles investidores que crean que Galicia é un bo lugar para emprender no sector turístico poden contar con esta primeira axuda especializada para poder poñer en marcha boas ideas que poidan xurdir”. Este futuro modelo turístico, que pretende ir máis alá da crise sanitaria para asentarse como referente, vaise plasmar no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino seguro, que busca a reactivación do sector e a recuperación da confianza dos viaxeiros.

Galicia conta con todos os atractivos para ser líder no turismo de calidade. Para iso, as súas empresas e a iniciativa privada precisan do apoio da Administración e dos organismos implicados no sector. Esas sinerxías fixeron posible o nacemento desta aceleradora, que presta apoio ao talento e ao emprendemento e que aposta pola innovación e a diversificación.

Os interesados en formar parte da aceleradora poderán presentar os seus proxectos, dos que serán seleccionadas dez firmas emerxentes que optarán á liña de apoio que lles brindará Turismo de Galicia. Entre outras vantaxes, participarán nun programa de formación de seis meses nas instalacións de Turislab, no complexo do Centro Superior de Hostalería de Galicia. Contarán, tamén, co apoio de titores, mentores, expertos colaboradores e unha rede de empresas tractoras. Terán, ademais, apoio financeiro, o que lles facilitará o seu desembarco nun mercado cada día máis especializado.

Turislab, primeira aceleradora galega especializada no sector turístico