jueves. 25.04.2024

O Goberno Municipal sacou adiante onte no pleno a modificación da ordenanza reguladora do estacionamento limitado gratuito que permitirá ampliar  a coñecida como 'zona azul' a novas rúas e lugares e a novos horarios. Segundo Roberto Mera, concelleiro de Mobilidade e Tráfico, a ordenanza en vigor dende 2008 “tiña contradicións e non regulaba con claridade esta posibilidade”. Coa modificación aprobada onte o Goberno Local ten a posibilidade de establecer a zona azul en novas rúas, algo que xa no seu día fixo o alcalde González Solla cando ampliou o estacionamento limitado á Praza de Bugallal e á rúa Constitución.

Pero ademais, a modificación da ordenanza tamén permite establecer novos horarios. Actualmente a zona azul funciona entre as 9:00 e as 14:00. A pretensión da concellaría de Mobilidade é ampliar o horario ás tardes en determinadas zonas, atendendo a demanda de usuarios e comerciantes. Segundo Mera “estas medidas pretenden evitar que o espazo público sexa acaparado por uns poucos, facilitar que os estacionamentos os usen aqueles que realmente precisan ir a ese lugar en coche para unha xestión ou actividade e evitar que os aparcamentos públicos se convertan nunha especie de garaxes particulares ao aire libre onde depositar un coche cando non se precisa”.

O edil nacionalista engadíu que “é necesario repartir mellor o estacionamento e con esta modificación poderemos darlle a máis persoas o dereito a usar o espazo que é público e de todos”. Entre as previsións do Goberno Municipal atópase implantar a zona azul no complexo Deportivo Álvaro Pino nos horarios de funcionamento das instalacións cun tempo máximo de estacionamento de dúas horas.

No Pleno os partidos da oposición PP e ACIP votaron en contra da iniciativa do goberno.

No pleno ordinario tamén se aprobou por unanimidade a moción do BNG de constituir unha Comisión Informativa Especial para a investigación das posibles responsabilidades políticas, patrimoniais e legais pola realización da ampliación da Escola Infantil Municipal no ano 2006 sen a autorización administrativa da Xunta de Galicia. Esta comisión de investigación, presidida por alcaldía, estará composta polos concelleiros e concelleiras que designe cada grupo municipal en proporción a súa representación (3 BNG, 2 PP, 1 ACIP e 1 PSOE).

Ademais tamén se aprobou o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para o servizo de asistencia en materia de protección de datos.

Luz verde en Ponteareas para ampliar a zona azul