martes. 23.04.2024

O Concello de Tui súmase, ao longo destes días, á celebración do 'Día de Rosalía' na xornada do mércores 24 de febreiro. Entre as actividades a desenvolver ao longo está o recitado de poemas rosalianos a cargo de persoas recoñecidas da vida social tudense que serán emitidos pola Radio Municipal de Tui mañá mércores 24.

Esta actividade, coordinada pola Biblioteca Municipal de Tui, contará coa participación de:

  • Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui
  • Tomas Camacho, músico
  • Conchi Regueiro, escritora
  • Teresa Domínguez, pedagoga
  • Samuel Diz, músico
  • Xosé María Lores, profesor

Por outra banda, a Concellería de Cultura do Concello de Tui súmase, como en anos pasados, á iniciativa impulsada dende a Fundación Rosalía de Castro, denominada o "Caldo de gloria". Unha iniciativa que xorde a partir do poema “Miña casiña, meu lar” (Follas novas, 1880), no que unha muller pobre que chega á casa mollada e esfameada, a pesar de que carece de todo, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote, quentarse ó pé do lume e ser feliz.

Dende a concellería de cultura convídase aos tudenses a preparar no ambiente familiar este “caldo de gloria”, un caldo para celebrar tamén a nosa cultura gastronómica popular, e subir logo ás redes sociais da Biblioteca Municipal de Tui (en facebook, instagram ou twitter) as imaxes e comentarios sobre este caldo de gloria.

A colocación de lonas con poemas de Rosalía e a preparación dunha selección de obras rosalianas na Biblioteca Municipal ao acceso de todos os lectores e interesados, completan as actividades programadas, que teñen as limitación derivadas da situación de pandemia que vivimos.

O Pleno da corporación municipal tudense acordou no ano 2013 a celebración desta efeméride para lembrar a figura egrexia de Rosalía de Castro.

Rosalía en Tui