viernes. 19.04.2024

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) retoma a súa actividade presencial cunha ampla programación que inclúe tres novas exposicións e diversas actividades entre as que se inclúen debates, seminarios e encontros con artistas. Esta nova programación coa que o CGAC volve abrir as súas portas foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que celebrou que a cultura poida gozarse de xeito presencial.

A primeira das citas é o proxecto Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, inaugurado hoxe e comisariado por Ángel Cerviño co fin de renderlle homenaxe aos 30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A próxima semana, será a quenda a primeira mostra retrospectiva da compositora estadounidense Pauline Oliveros, pioneira da música electrónica, iniciativa que se desenvolverá en colaboración co C3A de Córdoba. E unha terceira exposición: Breaking the Monument, que reúne unha selección de obras de preto de 10 artistas de contextos moi diferentes comisariada por Santiago Olmo e Fernando Gómez de la Cuesta.

Anxo M. Lorenzo salientou que a actividade cultural non se paralizou durante as semanas de peche e que os museos continuaron en contacto coa cidadanía a través de medios dixitais. “Desde a Xunta de Galicia apostamos por fórmulas que garantan que a cultura sega apoiando novas ideas e formatos e axudando a que as industrias e profesionais poidan continuar traballando”, explicou. Ademais, aproveitou o acto para felicitar ao equipo do CGAC, que a semana pasada foi recoñecido polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como un dos proxectos culturais máis destacados da Comunidade, recoñecemento que vén renovando desde hai tempo.

ARTISTAS DIFERENTES PROMOCIÓNS

Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada conta coa participación de 30 artistas das diferentes promocións da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, desde os licenciados nos seus primeiros anos ata os que aínda se atopan finalizando a súa etapa formativa. Como explicou o secretario xeral, cada artista está representado por unha obra ou conxunto de obras de especial relevancia dentro da súa traxectoria. Na súa gran maioría, optouse por obras adquiridas por museos, institucións e coleccións privadas “moitas delas da propia Colección CGAG, pechando así o círculo do imprescindible apoio social e institucional á produción artística”, explicou.

Trátase de Erik Balbuena, Vicente Blanco, Teresa Búa, Mónica Cabo, Rosendo Cid, Salvador Cidrás, Marcos Covelo, Victoria Diehl, Manuel Eirís, Suso Fandiño, Almudena Fernández Fariña, David Fidalgo Omil, Basilisa Fiestras, Amaya González Reyes, Julia Huete, Marta Lorenzo, Rut Massó, Manuel Mata, Nano 4814, Álvaro Negro, Doa Ocampo, Kiko Pérez, Jorge Perianes, Mar Ramón, Rubén Ramos Balsa, Juan Rivas, Borja Santomé, Sandra Varela, Mar Vicente e Verónica Vicente.

ACTIVIDADES PARALELAS

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta mostra permite avanzar no traballo dos últimos anos con exposición producidas polo propio museo que teñen permitido profundar no estudo e o coñecemento do panorama actual galego. Por iso, xunto á exposición Cultivar incertezas, coordinarase un intenso programa de actividades estruturado nun ciclo de mesas de debate, seminarios, conferencias e encontros con artistas. Ao mesmo tempo, o espazo Aula Aberta, acondicionado para ese fin nas salas do CGAC, e os espazos docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra acollerán diversas clases, seminarios e presentacións dos grupos de investigación da propia universidade.
Como explicou Anxo M. Lorenzo, esta ampla programación permitirá abordar o impacto que supuxo para a arte en Galicia a creación da Facultade de Belas Artes de Pontevedra como foco de ensino e formación artística na década dos 90, que foi clave para a expansión da arte na Comunidade. Foi unha etapa “renovadora” que se viu reforzada nas Bienais de Pontevedra, a Fotobienal de Vigo e mesmo coa creación do CGAC en Santiago en paralelo a talleres de artistas internacionais e actividades educativas que incluíron tamén a especialidade de Arte Contemporánea na Universidade de Santiago “xunto ao afianzamento dun mercado incipiente e novas galerías de arte contemporánea en todas as cidades galegas”, engadiu.

MÁIS ADQUISICIÓN

O obxectivo do Goberno galego é seguir protexendo o emprego cultural e incentivando o consumo para que a actividade continúe a pesar da pandemia. Para conseguilo lembrou que a Xunta amplía o alcance do Plan de Reactivación da Cultura cunha nova inxección de 23M€ neste primeiro trimestre mediante convenios ou ordes de subvención que repercutirán nos sectores audiovisual, escénico e musical, así como no do libro, museos, equipamentos culturais e promoción, entre outros.

Neste sentido, despois de que o ano pasado se incrementasen os seu fondos con 24 novas obras de arte contemporáneo de 20 artistas galegos que se incorporaron á colección do CGAC-Xacobeo, en 2021 o Goberno autonómico reforzará esta aposta como parte das medidas en apoio aos profesionais do sector das artes plásticas. Así, duplica a contía para a adquisición de obras de arte no museo e inclúe unha partida para a elaboración dos proxectos das futuras sedes do CGAC en Vigo e Lugo.

30 anos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra