jueves. 28.03.2024

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas da Secretaría Xeral da Emigración para os galegos retornados, que contará cun crédito orzamentario de 2,2 millóns de euros e que terá como obxectivo axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do retorno e das dificultades da actual pandemia.

Tal e como destacou o secretario xeral, este ano, coma novidade, dos 2,2 millóns de euros de orzamento, alomenos 500.000 destinaranse directamente a atender situacións de emerxencia derivadas da actual pandemia da covid-19.

Deste xeito, as axudas contan con dúas liñas, unha destinada a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do retorno; e unha segunda, de alomenos 500.000 euros, que ten por finalidade apoiar á unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no contexto actual da pandemia.

Os beneficiarios serían as persoas que residindo fóra de España con nacionalidade española, se establezan na comunidade autónoma galega, tanto os nados na propia comunidade autónoma como os seus cónxuxes ou descendentes. A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno. No caso da primeira liña de axudas, a data de retorno debe estar fixada para o 1 de xaneiro de 2019, mentres para a segunda liña, as axudas poderán ser solicitadas por quen retornara a partir do 1 de xaneiro de 2018.

As contías máximas da primeira liña son de 6.000 euros e no caso da segunda liña de ata 3.000 euros, todo dependendo do número de persoas que conformen a unidade familiar. Iso si, hai que ter en conta que as liñas son incompatibles.

O prazo de presentación é ata o próximo 30 de setembro inclusive.

Os interesados poden consultar máis datos nesta ligazón.

2,2 M€ as axudas para os galegos retornados ante as circunstancias covid